Festas do Barbanza con distinción

0
294

ribeira-dorna-2009-imaxe-sudadeiraA Dorna de Ribeira e o Nazareno da Pobra do Caramiñal queren conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Ilustración deseñada por Andrés Pérez Regueira para a Dorna 2009

Dúas das celebracións populares con máis raigame do Barbanza queren pegar o salto e converterse en Festas de Interese Turístico Nacional. Estamos a falar da Dorna de Ribeira e do Nazareno do concello veciño da Pobra do Caramiñal. Estas festas que xa están declaradas de Interese Turístico Galego poderían pasar a maior rango igual que no seu día aconteceu coa Guadalupe de Rianxo.

Un dos requisitos que se esixen desde a Administración é que a cita popular que pretende tal distinción ten que ter acadado o título de Festa de Interese Turístico galego desde polo menos cinco anos antes da petición. Este prazo xa transcorreu no caso da Dorna de Ribeira e polo tanto é tempo de poñerse mans á obra.

Desde a Ilustre Cofradía da Dorna de Ribeira estase a traballar para poder acadar a distinción nacional. A Festa da Dorna é sen dúbida a celebración de máis sona na capital do Barbanza e unha das principais de toda comarca. A festa, con máis de 60 anos de historia, celébrase o día 24 de xullo e días precedentes, concretamente desde a fin de semana anterior, e este ano, ademais, será festivo no Concello.

No caso do Nazareno, famoso pola súa procesión das mortallas cada terceiro domingo de setembro, hai que se remontar ao século XV para atopar as súas orixes. Para acadar a nova distinción os traballos na Pobra están máis avanzados. Segundo o rexedor pobrense Isaac Maceiras, xa está a traballar sobre a procura da documentación precisa o historiador Antonio González Millán. O Nazareno foi declarada de Interese Turístico Galego hai 6 anos, un antes que a Dorna de Ribeira.

O feito de ser declarada unha festa de Interese Turístico Nacional afecta directamente á publicación e difusión da celebración en medios de comunicación e aumenta o número de visitantes, incluso de fóra de Galicia. Un exemplo claro pódese ver na propia zona: as festas da Guadalupe de Rianxo son unhas das máis sonadas en toda Galicia e con gran número de visitantes.

En Ribeira e mais na Pobra as celebracións citadas son as máis importantes en cadanseu concello aínda que hai outras tamén salientables como as Festas do Verán de Ribeira, a comezos de agosto, e as patronais de Santa Uxía, en setembro, coa actuación este ano da orquestra PANORAMA, ou o Carme dos Pincheiros na Pobra en pleno mes de agosto. Aínda que as que funcionan como “embaixadoras” do municipio pobrense son as do Nazareno, en palabras do propio alcalde.

Se estas festas xa de por si son importantes e coñecidas, a obtención da distinción de Festa de Interese Turístico Nacional incrementaría de seguro a súa fama e prestixio.

Sen comentarios

  1. Non se che nota nada de onde es, amigo!!! Este ano penso ir á festa da Dorna, todo o mundo me anda a falar dela como algo tremendo. Así que haberá que pasar e coñecer Riveira/Ribeira ou como lle chamades vós, a Centenaria. Saúdos

    • Ola Marcos. Moitas grazas polos teus comentarios habituais no blog.
      Teño que aclararche que eu non son nacido en Ribeira, senón na Coruña, aínda que me considero adoptado de Ribeira e a miña vida transcorre a cabalo da Centenaria e da Coruña (e tamén doutros lugares por razóns de traballo).
      E en canto ás festas, recoméndochas todas, as de Ribeira, A Pobra, Boiro ou Rianxo. Quizais as máis famosas son as rianxeiras pero as demais non lles quedan moito atrás.
      E por último, o nome de CENTENARIA a Ribeira vénlle porque en 2008 cumpriu 100 anos desde que foi declarada cidade.
      Saúdos, de novo grazas e vémonos na dorna!!!!

    • Ola amiga. Ás de Rianxo vou case todos os anos algún día, especialmente o día das bengalas, que é unha pasada.
      Xa digo que DESPOIS da Guadalupe van as outras; pero as de Ribeira que acaban de ser son tamén moi boas. Só hai que ver o cartel; e o Nazareno ten un poder de convocatoria moi importante. Saúdos!!!

Deixa unha resposta


*