Vilarrodís e Oseiro celebran as patronais separadas por menos de 1 quilómetro

0
423

vilarrodis-2009-cartel-faf

Imaxes dos carteis das festas de Vilarrodís e Oseiro tomadas hai uns días na estrada de Pastoriza / roxegar

É o mesmo concello, Arteixo, é a mesma patroa, a Virxe da Luz -e polo tanto a celebración coincide no calendario- e son dúas parroquias unha ao carón da outra que mesmo resulta difícil dilucidar os límites, pero as festas, como vén sendo habitual desde antigo, fanse por separado.

Vilarrodís xúntase cos lugares do Barrio da Concepción, Ponte e Galán para organizar as festas mentres que Oseiro vai por libre. Agora polo menos as orquestras pertencen a oficinas diferentes pero non hai moitos anos púidose gozar da orquestra PANORAMA en Oseiro e ese mesmo día, a 800 metros, da PHILADELPHIA en Vilarrodís.

Imaxinan vostedes se estes dous lugares pegados, ao pé do polígono de Savón na mesma dirección cara A Coruña, se xuntasen e fixesen unha festa en común o nivel que poderían acadar? Por que xa agora por separado podemos advertir que tanto unha festa coma a outra teñen uns carteis importantes.

E é que Vilarrodís (estrada A Coruña-Arteixo por Baños de Arteixo) bota man das mellores orquestras da oficina de Sito Mariño e abre hoxe as festas coa orquestra LOS SATÉLITES e cerra o luns con SUPERFAMA. Ademais, o sábado actuará xunto coa orquestra ESPAÑOLES o cantante DANI MATA, para intentar contrarrestar o “efecto OLYMPUS” de Oseiro.

oseiro-2009-cartel-faf

Podes clicar nas imaxes para velas a maior tamaño

Oseiro (estrada A Coruña-Arteixo pola avenida de Fisterra), pola súa banda, contrata formacións musicais de Espectáculos Lito e abrirá mañá as celebracións coas orquestras MARBELLA LIGHTS SHOW e FANIA BLANCO SHOW e cerra tamén o luns coa SUAVECITO. Pero non podemos esquecer que o sábado visitará o campo da festa a OLYMPUS de Negreira acompañada polo grupo TRIUNFO de Pontevedra. En Oseiro tamén destaca a gran sardiñada que se levará a cabo o luns como colofón final das celebracións.

En total cinco días de festa rachada en Vilarrodís e catro en Oseiro con seis formacións musicais de recoñecido prestixio en cada lugar, no que poderiamos considerar un duelo entre oficinas porque, realmente, desde calquera campo da festa é posible escoitar a orquestra dos veciños. Curioso cando menos.

VILARRODÍS: LOS SATÉLITES, PRINCIPAL, ARMONÍA SHOW, LOS ESPAÑOLES, JUAN MALLO E SUPERFAMA. ACTUACIÓN DE DANI MATA.

OSEIRO: MARBELLA LIGHTS SHOW, FANIA BLANCO SHOW, OLYMPUS, TRIUNFO, XENTE NOVA E SUAVECITO.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*