Comeza hoxe o festival celta por excelencia: Ortigueira

0
564

ortigueira-festival-celta-2009-cartel

XXV FESTIVAL DO MUNDO CELTA DE ORTIGIUEIRA. DO 9 AO 12 DE XULLO 2009

Hoxe comeza a XXV edición do Festival Ortigueira, que organiza o concello co patrocinio de Xacobeo 2010, Estrella Galicia e Deputación da Coruña.

A actividade desta nova edición do festival celta por excelencia en Galicia  iníciase na vila á primeira hora da tarde, coa apertura ao público da feira de artesanía e a realización das primeiras probas de son. Será o arranque das 96 horas de música libre que propón Ortigueira, unha vintena de concertos gratuítos co mellor do folk internacional e cabezas de cartel como Wolfstone, Michael McGoldrick band ou os galegos Xosé Manuel Budiño e Susana Seivane.

A interpretación da muñeira “O Albariño” por parte da Escola de Gaitas de Ortigueira marcará na Praza de Isabel II o pistoletazo de saída da XXV edición Festival Ortigueira. A continuación, tras un desfile ata a Alameda, no que tamén participarán a ferrolá Banda de Gaitas Agarimo e a escocesa Jonhstone Pipe Band, comezará o espectáculo.

Será unha noite de foliada na que a animación correrá a cargo de distintos cuartetos de gaita, grupos de baile tradicional da comarca (Ronsel, Tiroliro Regueifeiros, Gamelas e anduriñas e o dúo Fernández Quinta). Unha auténtica invitación á festa para divertir e levantar aos festivaleros desde o minuto un.

A partir de medianoite, dará paso á actuación dos grupo finalistas do Proxecto Runas’09, de promoción de grupos emerxentes do folk: os cataláns de Qui hi ha? os galegos Tiruleque e Pablo Seoane grupo. Un xurado presente entre o público decidirá cal é a banda gañadora, que se converterá no primeiro grupo confirmado do Festival Ortigueira do 2010.

Servizos ao visitante

Ortigueira (preto de dous mil veciños no centro urbano) leva días recibindo folkies. Mañá actívanse as dúas liñas de buses urbanos que conectan durante a 24 horas os dous aparcadoiros oficiais co centro urbano e este con a zona de acampada. Ademais comezan a funcionar os servizos especiais das compañías de transporte da zona (FEVE e Arriva).

O piñeiral da praia de Morouzos, no que xa acampan miles de persoas, prepárase para a ocupación definitiva. Se o tempo acompaña, a previsión da organización pasa por revalidar a cifra de visitantes da pasada edición, ao redor de en torno 90.000 persoas.

PROGRAMA COMPLETO DO FESTIVAL ORTIGUEIRA 2009

PÁXINA WEB DO FESTIVAL INTERNACIONAL DO MUNDO CELTA DE ORTIGUEIRA

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*