De festas e troitas

0
440

Festa da Troita XIII - 2009

XIII FESTA DA TROITA DE OROSO

Xa chega outro ano máis unha das festas máis importantes do concello de Oroso e os seus arredores. Na pequena localidade de Sigüeiro ten lugar a Festa da Troita, que vai xa pola edición número 13.

Esta décimo terceira edición chega da mellor forma posible: coa declaración da Troita como Festa de Interese Turístico. Para celebrar este acontecemento o Concello ten preparada toda unha serie de actos lúdicos que ben seguro farán subir a cifra de participación da pasada edición, estimada en 30.000 persoas.

Unha das iniciativas máis aplaudidas é a consolidación do Festival Oroso en Vivo, no que as consideradas mellores orquestras de Galicia (PANORAMA, PARÍS DE NOIA e OLYMPUS) volverán amenizar as noites de Sigüeiro. O venres actuarán as dúas primeiras e o sábado, acompañando a OLYMPUS estará tamén ALARMA, que en 2008 deu o salto de grupo a orquestra e o seu bo facer está a recibir moi boas críticas.

E para rematar a festa o domingo, xa dentro da verbena da troita, actuará a orquestra FANIA BLANCO SHOW, unha agrupación na que a case a metade de músicos e profesionais de ambos sexos pertencen á mesma familia.

Pero non só haberá música de grandes orquestras. Os veciños e visitantes de Sigüeiro poderán gozar dun Mercado Temático, con actuacións na rúa e áreas de xogos tradicionais infantís; e tamén haberá outras actividades xa tradicionais e que cada ano congregan a milleiros de persoas como o Concurso de Pesca,  a degustación gratuita de troitas ou o Festival Folk. Nesta edición tan especial, as encargadas do pregón serán as Cantareiras de Ardebullo.

A Concentración de coches clásicos é tamén un referente na festa de Sigüeiro. Por experiencia propia animo a toda a xente á que lle gusten estes automóbiles con historia a achegarse a Oroso a vindeira fin de semana (8, 9 e 10 de maio).

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*