Doce días de festas en Ferrol

0
524

A JERUSALÉN, ÚNICA ORQUESTRA QUE ACTUARÁ NAS FESTAS DE FERROL

orquesta-jerusalen-2010-cartelA cidade de Ferrol acaba de abrir as Festas do verán 2010 que se estenderán ata o 31 de agosto, festividade de San Ramón. Ata daquela serán doce días de festa coa actuación de potentes grupos de hoxe e de sempre que escribiron e escriben gloriosas páxinas no libro da música española: EL SUEÑO DE MORFEO (que abriron as festas o pasado venres), LA GUARDIA, LOS SUAVES ou EFECTO MARIPOSA están entre os integrantes do cartel musical de Ferrol 2010. No apartado verbeneiro hai que destacar unha única actuación: a JERUSALÉN estará en ferrol o día 25 de agosto (mércores).

PROGRAMA MUSICAL FERROL 2010

Este venres, 20 de agosto, ás 21.30 horas, na Praza de España. Lectura do pregón a cargo de Iago García (Ferrol, 1979), actor de series de televisión como “Matalobos” ou “Amar en tiempos revueltos”, na que encarnaba o papel do malvado Ernesto Expósito. As 22 horas, na Praza de España, concerto dos asturianos El Sueño de Morfeo. Raquel del Rosario, Juan Luis Suárez e David Feito presentarán en Ferrol o seu último traballo discográfico, “Cosas que nos hacen sentir bien”, que inclúe temas como “Si no estás”, “Quién te crees” ou “Gente”. Un disco no que sen abandoar a fórmula de pop-rock introduce composicións máis elaboradas cheas de ritmos e acertadas melodías sen esquecer temas con pinceladas celtas como “Ven” ou “Me he cansado de esperar”.

Sábado, 21 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación musical de La Excepción, grupo madrileño de rap composto por Juan Manuel Montilla (El Langui) e Antonio Moreno Amador (Gitano Antón), así como polo DJ La Dako Style (Javier Ibáñez). O grupo supuxo unha revolución no panorama de rock español cun estilo desenfadado e moi persoal, integrado por aires flamencos, linguaxe cheli e moito humor nos textos, sen deixar de lado a crítica social.

Domingo, 22 de agosto, ás 18 horas, na Praza de Armas. Gran festa infantil para os máis pequenos da casa. Ás 22 horas, na Praza de España, actuación posible grazas á colaboración da Concellería de Cultura a cargo de Nova Galega de Danza.

Luns, 23 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España, Festival Hip Hop con catro grupos de recoñecido prestixio no panorama nacional: Comando Parke, Opone Show, Cheyo ft Koston e Sask Grj.

Martes, 24 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Subirá ao escenario D´Nash, agrupación que fixo o seu debú co disco “Capaz de todo” e que alcanzou a súa fama principalmente pola súa participación no festival de Eurovisión de 2007, cando representaron a España co tema “I love you mi vida”. O seu segundo álbum, “Todo va a cambiar”, foi lanzado en decembro de 2007.

Mércores, 25 de agosto, ás 22 horas, na Praza de Amboage. A protagonista será a Orquestra JERUSALÉN.

Xoves, 26 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación de Los Suaves, banda ourensá creada a finais dos anos 70 e que o pasado ano fora elixido polos cidadáns en segunda posición para actuar nas festas de verán, algo que non foi posible toda vez que non estaban de xira. Unha banda que ten rendido xa dende os seus inicios culto ao rock and roll. Defínense como amantes e aférrimos seguidores del, mais alonxados de toda montaxe comercial e das modas musicais souberon gañarse a un público fiel. O seu último traballo discográfico, “Adiós, adiós” saíu á luz o pasado 26 de xaneiro, cinco anos despois do seu anterior disco. No mes de setembro gravarán en Ourense un DVD en directo que prevén titular “29 años, 9 meses y un día”. Con 12 discos gravados ata a data, dous deles en directo, e con máis dun millón de discos vendidos, Los Suaves son historia viva do rock. Como teloneiros, as bandas locais Oddyline e My Self. Ás 20 horas.

Venres, 27 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación de El Viejo Caracol, que este ano acadou o segundo posto na listaxe de preferencias dos ferroláns e ferrolás para o cartel das festas de verán. Creado a principios do 2008 despois da disolución de La Patraña (conxunto punk-rock ferrolán), a súa música abarca varios estilos que van desde influencias máis punks a outras músicas de autor, centrándose nunhas letras ás veces intimistas e irreverentes que tratan de reflexar a realidade que rodea au seu autor Oscar Fojo, cantante e guitarrista do grupo. Erico Pose (batería) Ruina), Miguel Pita (guitarra solita), Mon (baixo) e Agostiño (percusión) son os actuais compoñentes de El Viejo Caracol.

Sábado, 28 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Concerto de Coque Malla, ex integrante de Los Ronaldos, con quen gravou discos como “Los Ronaldos”, “Saca la lengua”, “Sabor salado” ou “Idiota”, entre outros e de quen se separou no ano 1997. Desde entón, Coque Malla inicia a súa carreira en solitario co taballo discográfico “Soy un astronauta”. No 2005 Los Ronaldos decidiron unirse de novo para realizar unha serie de 12 concertos por salas de todo o país. Unha unión que durou ata 2007 -a despedida definitiva chegou en 2008-.

Domingo, 29 de agosto ás 20,30 horas, e na Praza de España. Festival de Rondallas. Nel participarán Bohemios, Sonidos del Alba, Añoranzas e a rondalla do Club de Campo.

Luns, 30 de agosto, ás 20 horas, na Praza de Amboage actuación musical a cargo de Al Vila, e ás 21 horas e en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, Santiago Castillo Club ofrecerá un singular espectáculo: En clave de sol, baseado en concertos posibles grazas á xeración de enerxía xolar e biomotriz. Para o seu desenvolvemento é necesario dispor de toda unha infraestrutura solar e unha bicicleta xeradora de enerxía, á que se deberá subir a xente para que o espectáculo se poida celebrar.

Martes, 31 de agosto, ás 21 horas, no Peirao de Curuxeiras. As festas de verán de Ferrol pecharanse cunha gala musical e a tradicional sesión de fogos de artificio de San Ramón. Na dita gala, que principiará ás 21 horas, actuarán Efecto Mariposa, La Guardia, Lucía Pérez e M3. La Guardia, grupo mítico do panorama musical dos anos 80, chegará a Ferrol despois de sacar ao mercado o seu novo traballo discográfico: Tumbado al borde de la luna. Autores de cancións tan célebres como “Cuando brille el sol” ou “Mil calles llevan hacia ti”, reabren o calendario de actuacións tras celebrar as súas vodas de plata percorrendo a xeografía española co disco “25 años no es nada”.

En canto a Efecto Mariposa, esta formación naceu en Málaga, a terra natal dos seus compoñentes: Susana Alva, Frasco G. Ridgway, Raúl Osuna e Alfredo Baón. O seu primeiro álbum titulado como o grupo contou coa colaboración na producción de Juan Luis Jiménez, de Presuntos Implicados. Con seis discos, chegarán a Ferrol para presentar o último, “40:04” , con temas como “Por quererte”, un dos máis exitosos da banda, ou “Diez minutos”. Pola súa banda, Lucía Pérez (O Incio, 1985) publicou o seu primeiro álbum, “Amores y amores”, en 2002 tras gañar o concurso da TVG Canteira de cantareiros. Quedou segunda no Festival da canción de Viña del Mar, en Chile, no que participou novamente en 2009. Finalmente, M3 é un grupo de pop galego creado en Vigo e coñecidos por participar continuamente no programa Luar. Está integrado por seis rapazas cuxo estilo baséase en música de baile (rumba, bachata, pop, disco, merengue, etc.).

Á marxe dos concertos, a edil María López destacou os numerosos espectáculos a pé de rúa que se celebrarán ao longo das festas. Entre estes, números de maxia cómica a cargo de Troula Animación, que tamén ofrecerá espectáculos de lume polas rúas do centro da cidade e de música para o público infantil, entre outros. Sesións de contacontos, paiasos infantís, títeres a cargo de Dínamo ou malabares completan o cartel das festas.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*