Betanzos abre esta noite as festas de San Roque

0
415

betanzos-san-roque-2010-cartel

O monumental globo de papel volverá a voar este luns desde a praza Irmáns García Naveira. É unha tradición moi apegada e un dos actos principais das festas de Betanzos. Pero non o único: as Xiras dos Caneiros os días 18 e 25 e as actuacións musicais salpicadas no calendario ata a segunda Xira tamén son eventos para ter moi en conta.

A orquestra ARMONÍA SHOW abre esta noite as festas betanceiras. A formación musical canaria está inmersa nunha gran xira galega que a está levando por moitas partes de Galicia. A súa irmá EL COMBO DOMINICANO será a seguinte formación en acudir ás festas do globo de papel máis grade de Galicia. Estará amenizando a verbena de mañá domingo.

E o día da elevación do globo non pode quedar sen verbena. Moi ao contrario, é unha das máis multitudinarias. A encargada nesta edición é a orquestra XENTE NOVA. O mércores 18 (I Xira aos Caneiros) será o día en que a VERSALLES ofrecerá a súa mellor música e dous días despois, o 20, a tamén coruñesa MANHATTAN.

O sábado 21 terá lugar o único concerto pop para este ano: HOMBRES G traerán os seus mellores éxitos á praza Irmáns Naveira. A música cambiará de estilo noutro concerto que terá lugar un día despois: RIFF RAFF e LA BANDA DEL CAMIÓN ofrecerán unha noite de rock puro e duro.

E chegamos ao final da festa, o día 25, coa II Xira aos Caneiros. A música por partida dobre estará da man de dúas formacións musicais ben coñecidas: NOVA IMPERIAL na Xira, de cara ao río, e CHARLESTON BIG BAND na praza Irmáns García Naveira para despedir as festas ata o vindeiro ano.

——————————————————————

Pódese consultar o programa completo na páxina web do Concello de Betanzos.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*