A cuarta edición do festival solidario “Música por alimentos” que se celebra cada ano na parroquia de Curro, no concello pontevedrés de Barro, chega este vindeiro día 17 de abril con catro formacións musicais de renome.
A partir das 17.30 comezará a gala, que nesta edición contará coa participación de catro formacións musicais de primeira liña: o coñecido grupo LA RICURA e tres orquestras, LA FÓRMULA, CAPITOL e LA NUEVA PHILA.
A gala solidaria, consolidada xa no calendario festivo, ten como principal misión recoller alimentos non perecedoiros que despois son destinados ás familias máis necesitadas. Para iso, cada persoa que queira acceder ao recinto festivo ten que doar un quilo ou un litro de alimentos.
CAPITOL e LA FÓRMULA están presentando os seus novos espectáculos e repertorios, mentres que LA NUEVA PHILA se presenta ao público co reto de colocarse entre as primeiras formacións orquestrais de Galicia, pois é unha formación de nova creación pero cun plantel de músicos e cantantes moi recoñecidos na verbena galega. LA RICURA, pola súa banda, seguirá arrasando coa súa música pegadiza e os seus temas de creación propia.
Ademais da música e do baile, tamén haberá instalado no recinto un pequeno parque infantil “Infantilandia” para garantir tamén a diversión dos máis pequenos.
Se queres pasar unha tarde-noite de diversión e baile non o dubides, a túa cita está e Curro (Barro) o próximo día 17 de abril.