A comarca do Barbanza multiplica as citas festeiras

0
352

ribeira-festas-de-santa-uxia-2010-cartelHoxe sábado encóntrase en festas Rianxo, Porto do Son, Ribeira e Laíño (Dodro)

Aínda que a cita estrela no Barbanza estes días e durante toda a semana que vén ata o venres se localiza en Rianxo coas Festas da Guadalupe, que traerán a actuación de 15 orquestras e grupos musicais, hai outras propostas verbeneiras para estes días. Porto do Son, que remata dentro dunhas horas as súas festas, Ribeira, que celebra estes días a festa patronal de Santa Uxía, ou Laíño, en Dodro, que comeza as celebracións da Virxe do Leite.

A localidade de Porto do Son cerra esta noite as súas festas patronais coa actuación estelar do grupo IGUANA TANGO. Pola súa banda, na cidade capital do Barbanza, Ribeira, hai tres días de festa coas actuacións de grupos tributo a grandes estrelas do pop e do rock durante dúas xornadas no Paseo do Malecón e un festival de danza mariñeira, o domingo como colofón ás celebracións. As verbenas, que teñen lugar no parque García Bayón, trouxeron a actuación a pasada noite da orquestra LOS TROVADORES, que repiten despois do seu paso polas Festas do Verán ribeirenses e de SUPERFAMA, que actúan esta noite.

Tamén en Laíño haberá festas. Son as patronais (Virxe do Leite) das que daremos conta máis polo miúdo mañá domingo. Esta noite, para abrir boca, música dunha discoteca móbil para dar lugar a partir de mañá e ata o martes, ás verbenas populares.

E aínda non acabará a maratón festeira no Barbanza esta semana. O vindeiro venres, ao tempo que Rianxo despide a Guadalupe, A Pobra do Caramiñal abre as celebracións do Nazareno ata o luns. Catro días de festa máis para sumar ao calendario festivo da comarca.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*