A festa debe continuar

0
418

orquesta-panorama-2010-foto-incendio-1Un dos tráilers de Panorama adianta o escenario calcinado en ruta para a festa, porque o espectáculo debe continuar / © foto: Antonio Hernández – El Correo Gallego

Día fatídico o pasado luns para unha das consideradas mellores orquestras galegas. O espectáculo A Xira do Xacobeo esfumábase, nunca mellor dito, na autoestrada cara a Guísamo. O escenario panorámico, o máis sofisticado non só entre as formacións galegas senón tamén entre as doutras comunidades autónomas, ardía ante a impotencia do chófer e dun dos técnicos.

Pero en Guísamo non quedaron sen festa. Facendo uso dunha profesionalidade espectacular, a PANORAMA plantouse en terras bergondesas para levar a cabo a actuación como se nada pasase. Un escenario que estivera montado a fin de semana en Cea para ser utilizado por algunhas orquestras estranxeiras no Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU), e parece ser que noutro tempo o que fora o palco da PANORAMA, polo menos a carcasa aínda que non a montaxe, chegou a última hora da tarde a Guísamo para que a orquestra puidese actuar. Houbo que agardar tempo, iso si, para poder acondicionar minimamente o escenario, pero pasada a unha da mañá a orquestra caldense cumpriu cos festeiros. E onte fixo o propio nas festas da Encina en Ponferrada. Hoxe continúa a súa xira por terras vallisoletanas e mañá estará en Teixeiro (Curtis) acompañada da orquestra VERSALLES.

O escenario que está utilizando estes días a orquestra, e que presentamos en Festa a Festa o mesmo luns pola noite, é provisional, en espera de que se poida usar outra plataforma bastante parecida á que resultou calcinada. Con escenario grande ou pequeno, a festa debe continuar. PANORAMA segue adiante co seu calendario sen alterar nin sequera un día o programa de actuacións (28 para setembro). Como se nada pasase, a orquestra continúa cara adiante, sempre cara adiante, e fai seu máis que nunca un anaco do estribillo machacón do tema que estrearon este ano: “vamos arriba, vamos arriba, vamos arriba, con PANORAMA”.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*