Noite de festa en Setecoros

0
440

Valga - Casal do Eirixo 2010 - cartelPodes clicar na imaxe para vela a maior tamaño

Festa importante hoxe en Casal do Eirixo – Setecoros (Valga). Os grupos CHASTON e LIMÓN serán os encargados de amenizar a verbena da romaría da Virxe da Saúde. Ademais, tamén haberá unha actuación moi especial a cargo do grupo A BANDA DE BALBINA.

Tanto en CHASTON coma en LIMÓN este ano hai novidades importantes co cambio de practicamente toda a banda no caso do segundo. LIMÓN emprende esta temporada unha nova aventura musical na que o seu pensador, o músico e vocalista Manoele, xa non está á fronte do escenario aínda que si “na parte de atrás”. Hai que lembrar que o famoso músico montou este ano un novo proxecto; o “irmán” de LIMÓN chámase FÓRMULA 4 e pretende ofrecer un repertorio un pouco distinto do resto de formacións da súa categoría, como xa o facía o primeiro dos grupos, que hoxe actúa en Valga.

En canto a CHASTON, á parte da incorporación de David Bouzón e Laura Corral ao grupo xa a principios de temporada, para reforzar as voces que xa había na formación musical, hai que engadir o cambio de Laura por Lidia Sueiro hai poucas semanas. Lidia é, de seguro, bastante coñecida entre os seguidores de OLYMPUS porque ten subido moitas veces a cantar con eles ao final do primeiro pase. Voz prodixiosa e ganas de meter o mundo no peto, a nova cantante, e nova en todos os sentidos incluída a idade, montou un dúo musical para amenizar festas e outros eventos, pero axiña chegou a oportunidade de subirse a un palco como cantante profesional e agora temos o pracer de poder vela no grupo CHASTON.

Hoxe haberá música ata altas horas da madrugada en terras de Valga, un dos concellos máis festeiros de Galicia. Boa festa!

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*