Un vento de tristura percorre Galicia

0
228

ana-kiro-foto-enterro-juan-varelaMultitudinario adeus a Ana Kiro o sábado en Mera (Oleiros) / © Fotografía: Juan Varela – La Opinión A Coruña

Onte domingo, os nosos compañeiros de La Opinión publicaron un fermoso artigo en memoria de ANA KIRO, asinado por Pemón Bouzas, escritor e condutor do programa cultural Eirado, da TVG pola canle 2. Abandeirada da música lixeira en Galicia e en galego, a dama da verbena deixounos o pasado venres pero só en presenza; a súa música perdurará, e sobre todo a súa memoria.

PEMÓN BOUZAS (La Opinión A Coruña, 26-09-10)

Un vento de tristura percorre Galicia

Un vento de tristura percorre Galicia enteira. As prazas dos pobos, os campos da festa das aldeas, as salas de festa, as carballeiras onde se celebran as romarías, quedaron orfos da voz da música popular galega. Como desamparados quedan tamén os auditorios dos centros galegos na emigración americana e europea. A morte de Ana Kiro está provocando toda esa desesperanza pero tamén unha resposta unánime de recoñecemento por parte de toda a sociedade galega. Todos, dende os seguidores de Dylan ou dos Rolling Stone, ata os que seguiron os seus pasos na canción das festas populares galegas, pasando por quen defendeu o galeguismo, o idioma, o feminismo, dende outras trincheiras, todos recoñecen nestas horas de dor polo pasamento da cantante de Arzúa o seu valor, a súa grandeza e o inmenso aporte á cultura popular e á lingua galegas.

Cantou en galego dende sempre, cantou cancións que falaban da súa terra adorada e adorable, cantou para os que vivían na terra e para os que estaban lonxe, na emigración e que con ela, coa súa voz galega e en galego se sentían máis preto do fogar de Breogán, fogar fermoso pero tan mísero que forzou ós seus a ter que vivir tan afastados. De Bos Aires a Nova York, de Barcelona a Zurich, en tódalas partes do mundo onde hai un galego hai tamén un disco de Ana Kiro. Comprobeino en moitos fogares do mundo cando fixen programas para a TVG sobre a emigración galega que tanto cariño e respecto tiñan pola música de Ana Kiro. Actuacións con milleiros de persoas en toda a galeguidade. Milleiros de discos vendidos. Cancións cantadas en galego nos primeiros postos das listas de vendas dos anos 70.

Nada foi fortuíto nin produto de azar ou mercadotecnia. Ana Kiro construíu Ana Kiro con traballo, esforzo, paixón, determinación e talento, sobre todo talento, o necesario para levar o popular e a tradición galegas a cotas inesperadas de éxito, impensables para todos menos para Ana, en tempos nos que dicir galego e en galego era ruín, pexorativo, case como algúns de aquí e de acolá se empeñan en que siga pasando.

Pasou pola tele, e como non podía ser doutro xeito, deixou pegada. A pegada que deixan aquelas persoas que saben o que queren, que son fieis ós seus principios e que coñecen as súas limitacións. O gran poder de comunicación de Ana Kiro xogou ó seu favor cando se dirixiu ós espectadores da TVG como condutora dos seus propios programas. O respecto polos compañeiros de equipo e por tódolos profesionais da canle foi absoluto. O éxito na pequena pantalla tampouco lle foi alleo.

O seu legado son as súas cancións, pero tamén a mensaxe de respecto e de traballo, moito traballo, en galego, sempre en galego.

Enlace do artigo en La Opinión A Coruña

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*