FIOU: Os protagonistas

0
579

E chegamos ao día no que comeza o FIOU, en Cea, Ourense. Once bandas que durante tres días poñerán a música na cita festeira máis importante do ano. Recollemos hoxe, para rematar este especial que fomos facendo durante toda a semana, o resumo de todas as orquestras que participarán no Festival Internacional de Orquestras de Galicia que comeza dentro dunhas horas. Cita inescusable para calquera festeiro.

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31878.jpg

Un referente entre os mozos galegos

Considerada unha das mellores orquestras de Galicia, a Philadelphia é quen de atraer a todo tipo de público. No ano 2004 converteuse na orquestra revelación en Galicia. Agora preséntase con novas caras, novas cancións e un novo tour para reencontrarse cos seus seguidores, que son moitos por toda a xeografía da nosa comunidade. De facto, é probablemente a orquestra con máis tirón entre a xuventude galega. Puro ritmo, con merengue, cumbia ou pop rock. Clásicos de décadas entrañables cos 60 e os 80 pasados polo filtro da Orquesta Philadelphia e sempre con traballadas coreografías. Imprescindible no verán galego.

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31894.jpg

A máis grande orquestra de América

Directos dende Caracas, con máis de 50 anos de historia e nada menos que máis dun cento de discos ás súas costas, chegan Los Melódicos, unha das orquestras de baile máis populares de Venezuela.

A súa orixe debémoslla ao director musical Renato Capriles, quen fundou a orquestra o 15 de xullo do 1958 co apoio de toda unha institución como Luis María Frómeta, Billo Frómeta, froito da disolución circunstancial da orquestra Billo’s Caracas Boys.Durante este medio século de vida pasaron máis de 50 cantantes por esta orquestra, que se mantén fiel ao lema co que se fundou: “A orquestra que impón o ritmo en Venezuela”. E faino cun repertorio versátil, no que podemos oír números en español, inglés, francés, italiano en calquera dos ritmos de moda, ben sexan tropicais, anglosaxóns, clásicos ou modernos en todas as súas variantes. Así é como esta orquestra obtivo os máis importantes premios de Venezuela e un gran recoñecemento en países como Colombia, Ecuador, Perú e Estados Unidos.

Toda unha orquestra de récords que foi quen de lanzar 100 discos, sen contar recompilacións ou reedicións de todos os seus éxitos, unha cifra non alcanzada por ningunha outra orquestra de baile en América.

+info: www.losmelodicos.com

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31888.jpg

O jazz de vangarda como base musical

Dende Sicilia chega Roy Paci, trompetista e compositor famoso polas súas colaboracións con músicos como Manu Chao ou Macaco. A Cea ven acompañado da súa banda, Aretuska, coa que gravou recentemente o disco “Latinista”, que está a presentar este verán nunha ampla xira polas máis importantes prazas e festivais de Italia.

Roy Paci toca a trompeta dende que tiña 10 anos. E aos 13 entrou a participar na Hot Jazz Orchestra en Augusta e a New Royal Big Band en Catania A principios dos 90 trasladouse a América do Sur para empaparse doutros ritmos latinos. Pero na súa prolífica carreira tamén tocou outros paus, sendo a súa base o jazz de vangarda.

Logo de ter participado en infinidade de aventuras musicais, formando parte de grupos como Mau Mau e a Banda Iónica, agora Paci decidiu centrarse no seu primeiro proxecto propio, Aretuska, unha numerosa banda con músicos sicilianos novos cos que chegou aos primeiros postos das listas italianas.

Con Roy Paci & Aretuska a festa está garantida, cunha mestura de ska, soul, funk, jazz, scratch e tarantela, aderezada coa ironía dunhas letras que falan de la mafia, do poder, da censura…

+info: www.myspace.com/roypaciaretuska

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31881.jpg

Un clásico canario dos veráns galegos

Preséntanse como a orquestra que fai bailar a todas as Illas Canarias e calquera outra parte do mundo. E así lévano facendo durante tres décadas. Agora chegan a Cea para presentar o CD co que conmemoran o 30 aniversario da orquestra.

Armonía Show xa é toda unha institución da cultura de Gran Canaria. A orquestra inicio a súa  andaina no ano 1978.  Dende aquela percorreron practicamente todos e cada un dos recunchos do arquipélago canario, participando en grandes eventos ante máis de 20.000 persoas en recintos coma o Parque Santa Catalina de Las Palmas de Gran Canaria ou Plaza de España de Santa Cruz de Tenerife. E nas súas xiras unha cita obrigada sempre é Galicia, unha terra que queren e pola que se senten queridos. Dende vai unha década, Armonía Show non perde unha cita co verán galego.

+info: www.armoniashow.com

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/07/29379.jpg

A elegancia dun mito clásico

A orquestra Sintonía de Vigo  fundouse en outubro de 1960. Polo tanto, actuarán no festival FIOU nas vésperas das súas vodas de ouro. A meirande parte dos seus primeiros integrantes proviñan da Orquestra Fox de Porriño: Delio Maceira, Jaime Collazo, Amador e Antonio Piñeiro, José e Jesús Serodio, Felipe Codina, Mariano, José Fernández, Alfonso Montes, Juan Antonio Cajaraville e José Varela.

Desde 1960 a Sintonía (como popularmente se lle coñece) tense convertido nun referente indiscutible da música de baile, non só en Galicia senón en toda España e alí onde respire un dos nosos emigrantes. É nese contexto onde se comprenden as viaxes fóra da nosa terra, e de forma particular os tours por Suiza dos anos 1989 e 1994. Que moitos dos seus fans camiñen unha ducia de Kilómetros para velos en acción, ou que familiares de emigrantes sosteñan un teléfono móbil en alto para que estes poidan escoitalos e curar así a súa saudade semellarían anécdotas inverosímiles de non ser rigorosamente certas: tal é o pulo da Sintonía de Vigo, e tal o gusto que pola música ten o pobo galego.

O bo facer da Sintonía, a súa predilección pola música de baile, e un repertorio que combina rock e zarzuela, merengue e pasodobre, swing e muiñeira, granxeáronlle non só o agarimo e o aplauso do público senón tamén o recoñecemento institucional, destacando a concesión en 1995 por parte do Concello de Vigo da mención “Viguesa Distinguida” á Orquestra Sintonía de Vigo polo seu “sobranceiro labor a prol do engrandecemento da cidade e dos seus cidadáns”.

+info: www.sintoniadevigo.com

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/07/29377.jpg

A gran institución da música latina

A Billo´s, lenda viva e patrimonio musical dos venezolanos, cumprirá 70 anos sobre os escenarios de FIOU. Iniciou o seu periplo musical un 31 de agosto de 1940, facendo bailar, lembrar e rir a varias xeracións de latinoamericanos. Fundada polo mestre Billo Frómeta, tras unha viaxe en 1937 do seu Santo Domingo natal a Caracas para cantar coa súa agrupación de entón, a Billo’s Happy Boys, non tardou moito en competir coas grandes da canción venezolana da época, como a Orquesta Aragón, La Sonora Matancera e Dámaso Pérez Prado, entroutras. Naquela altura había un programa de radio chamado “A gozar muchachos” onde tocaba a Billo’s ao vivo e contan que a cidade se paralisaba. Polas súas ringleiras pasaron músicos míticos como o saxofonista e violinista Freddy Coronado, o bolerista Felipe Pirela, o guarachero Cheo García e cantantes como Memo Morales, Ender Carruyo, Chuchú Bravo, Wolfgann Perdomo ou Milton Pereira.

Algúns dos temas da Billo’s que fixeron historia foron Vida Consentida, La Vaca Vieja, Pasito Tun Tun, Caraqueñita, Sombras ou Ariel, entre un repertorio formidable que foi rápidamente adoptado polas orquestras galegas. Moitas desas pezas foron una auténtica crónica da vida cotiá e os grandes acontecementos de Caracas. Un dos maiores fitos da súa traxectoria foi a actuación en Tenerife durante os carnavais de 1986, cando fixo bailar a 250.000 persoas, batendo a marca do Guiness.

O mestre Billo morreu en 1988 cumprindo literalmente o seu soño de dirixir a Orquesta Sinfónica de Venezuela. Logo do ensaio final dun concerto da OSV que conmemoraba os seus 50 anos de vida artística, Billo recibiu unha gran ovación dos presentes: a intensa emoción provocoulle un accidente cerebrovascular e faleceu una semana despois. Hoxe en día ningunha institución, movemento ou figura social logra aunar tanto aos venezolanos como a Billo’s. Non hai casa en Venezuela que non teña un disco deles.

+info: www.orquestabillos.com

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/07/29375.jpg

Raï, tradición e funk que prende lume

No corazón de París atópase o barrio de Barbès, con rúas cheas de restaurantes de cus-cus e no que o tempo pasa entre partidas de dominó e música oriental na televisión por satélite.

Xentes de toda África teñen aquí o seu refuxio parisiense, o que o converte nun lugar privilexiado para que se mesturen as músicas e fervan novos proxectos. Doce músicos residentes neste barrio formaron hai 15 anos a  Orchestre National de Barbès.

Con nacionalidades múltiples (Francia, Alxeria, Túnez, Portugal), a ONB foi fundada en 1995 polo baixista Youcef Boukella. Inspirada no raï magrebí, mestura diversos estilos como o chaabi, a salsa, o reggae, a música gnaoua, o rock, o zouk antillano ou o funk, conseguindo unha sonoridade orixinal, que adapta as músicas tradicionais aos sons de hoxe e fai especial fincapé nos ritmos festivos.

Dunha gravación en directo no Teatro Agory en 1998 saíu o seu álbum de debut, En Concert, co que conseguiron un lugar privilexiado no mapa das músicas do mundo. Ao ano seguinte a orquestra publicou Poulina. Logo de case unha década sen editar nada novo volveron con Alik. E en maio de 2010 veñen de publicar o seu cuarto traballo: Rendez-vous Barbès, outra proba da fertilidade dos xéneros musicais que visitan. A mellor forma de degustalo é gozar dos seus intensos directos.


+info: www.orchestrenationaldebarbes.com

www.myspace.com/orchestrenationaldebarbes

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/07/29381.jpg

Festa rachada non stop

Radicada en Negreira, a Olympus naceu fai 11 anos como un pequeno grupo cheo de ilusión. A base de tesón e esforzo foi ampliando a formación ate converterse nunha das tres orquestras máis importantes de Galicia, conseguindo éxitos e soños que antes semellaban inalcanzables.

Un grande equipo de 14 compoñentes sobre o escenario con máis de 200 actuacións por temporada. Despois de 5 traballos discográficos, varios DVD ao vivo e 2 videoclips musicais, marcou un fito tocando máis de 25 horas seguidas en directo acompañados por diferentes artistas galegos como Astarot, Toñito de Poi, Miguel Torres, Eva Carreras, Lucía Perez, Pili Pampín, Sabela, Sito Mariño, Manolito el Pescador ou Dj Sonic, ademais de artistas da talla de Cristina Pato, Nacha Pop, La Unión e Marta Sanchez. Xunto a todos eles  Olympus levou a cabo unha fazaña que dificilmente se esquecerá.

Este ano Xacobeo os integrantes de Olympus preparan unha peregrinación a Santiago de Compostela desde O Cebreiro – Lugo, xunto cos seus fans e seguidores, para chegar a Santiago despois de 7 días camiñando e subirse a continuación ao escenario e gañar o xubileo no que será o último concerto desta xira de 2010. Será o día 31 de octubre. Antes ofrecerán en FIOU toda a súa potencia sonora nunha festa rachada non stop.

+info: www.orquestaolympus.net

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/32382.jpg

Gardiáns da tradición

Para Os Diplomáticos do Acordeón a música é un modo de entender a vida. Os seus membros criáronse nos salóns de baile de Terra de Montes, dende Soutelo até Forcarei, pasando por Cachafeiro, unha comarca famosa a principios do século XX polos grandísimos gaiteiros que lle deron fama e onde a partires dos anos 40 comezaron a ser populares os sons do acordeón. Este instrumento foi a paixón destes músicos, pero tamén o sustento dunhas familias de grande tradición musical en Galicia. Dende que se formaron nos anos 90, Os Diplomáticos do Acordeón son parte fundamental nas festas populares de Galicia, onde interpretan coa mesma paixón un bolero que unha muiñeira, animando sempre ao baile coa súa música. Sen dúbida, son dignos sucesores da testemuña musical das grandes figuras da música tradicional galega nacidas nas terras de montaña.

Na lembranza, sempre, o seu integrante Ramón Pichel, un dos referentes da música tradicional en Galicia, falecido o ano pasado, que nos deixou unha valioso legado e unha fonda pegada.

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31885.jpg

Fusión dominicana e canaria

Para coñecer as orixes de El Combo Dominicano hai que viaxar á República Dominicana e coñecer a orquestra Orquídea Robinson. No 1991 chega por primeira vez a España e un ano máis tarde xurde El Combo Dominicano, unha agrupación que se converteu en toda unha sensación en Canarias e nos seus carnavais.

Asentados dende 1994 nas Illas Afortunadas, os seus integrantes, dominicanos e canarios, acadaron unha perfecta fusión de culturas e foron forxando en once discos un amplo e variado repertorio de música latina: cumbias, bachatas, salsa… aínda que se por algo destacan é por ser auténticos especialistas do merengue.

Agora uníuselles unha nova voz moi coñecida entre os telespectadores seguidores do máis famoso dos reality shows, “Gran Hermano”. O cantante e músico Oliver Pérez estréase con El Combo Dominicano na súa xira por Galicia.

+info: www.elcombodominicano.com

http://fiou.xacobeo.es/sites/default/files/imagecache/500x332/evento/2010/08/31891.jpg

Jazz, funk e hip hop al ao estilo dunha big band

Viaxamos a Chicago para atopar unha das novas bandas de referencia no mundo do rap e do hip hop dos Estados Unidos. Son oito irmáns que se fan chamar Hypnotic Brass Ensemble e proceden dunha familia cunha forte herdanza musical, pois o seu pai, Phil Cohran, foi trompetista da Sun Ra Arkestra.

Combinan jazz, funk e hip hop coa posta en escena das big bands de Nova Orleáns.Labraron o seu prestixio nas rúas de Nova York e Londres e agora é tal que foron invitados a gravar con artistas como Mos Def, Erykah Badu, Tony Allen e Gorillaz, e a xirar por Estados Unidos e Europa.

+info: www.hypnoticbrassensemble.com

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*