Nadal con música de verbena desde Ferrol

0
388

orquesta-panorama-2009-cartel

As orquestras PARÍS DE NOIA e PANORAMA serán as encargadas dentro dunhas horas de abrir oficialmente o Nadal en Ferrol. A actuación das dúas grandes formacións musicais enmárcase dentro do I Concerto Nadal Solidario e será o primeiro “agasallo” para os veciños, xa que é froito da petición que fixeron os ferroláns despois das pasadas festas do verán e que levou a cabo a concellaría de Festas.

E aínda que a entrada á praza de Amboaxe -lugar onde terá lugar a festa- é de balde, poñeranse á venda 2.500 postais solidarias de Nadal cuxos beneficios irán parar aos máis necesitados para que este tempo de consumo desaforado poida chegar, aínda que de esguello, a todos.

Ás 21:00 horas subirase o pano do escenario de PARÍS DE NOIA. A banda de Blas Piñón ofrecerá o seu repertorio con cambios respecto desta última temporada, ademais xa está integrada na orquestra a nova voz feminina, Jessica Santín, procedente de CINEMA.

E se a actuación da PARÍS soa a chegada e a nova temporada, a de PANORAMA é todo o contrario; é dicir, unha das súas últimas actuacións en 2009. A xira titulada El gran musical toca á súa fin para dar paso en marzo de 2010 a unha nova temporada chea de cambios que levará por título Panorama 2010, a xira do Xacobeo.

E con El gran musical despídense tamén cinco integrantes da orquestra de Caldas de Reis: Diana, Irene, e os metais Enrique, Noelio e Polito. Aos dous últimos verémolos noutras formacións musicais en breve, igual que a Irene, na orquestra MARBELLA LIGHTS SHOW. A Diana Cea e Enrique Novas non será posible por abandono desta profesión dura que separa demasiado das familias e obriga a tomar unha vida ao revés do resto do mundo.

Coa actuación das dúas orquestras comeza a celebración do Nadal en Ferrol, que se verá completado con outras actividades máis típicas da época: concurso de panxoliñas, cabalgata de Papá Noel, cabalgata dos Reis Magos, etc…; ademais, hai que lembrar que na cidade ferrolá o Nadal dura máis tempo ao ser festivo o día 7 de xaneiro e coincidir coas festas patronais de san Xián.

As rúas xa están adornadas e as atraccións para os máis pequenos da casa xa están instaladas no cantón de Molíns agardando polos primeiros clientes destas festas de Nadal. Curioso será tomar o primeiro turrón a ritmo de calquera estilo musical, desde unha cumbia ata o rock, incluída a ópera.

21:00 HORAS .- Primeiro pase de PARÍS DE NOIA

22:30 HORAS .- Primeiro pase de PANORAMA

00:00 HORAS .- Segundo pase de PARÍS DE NOIA

01:30 HORAS .- Segundo pase de PANORAMA (ata as 03:00)

orquesta-paris-de-noia-2010-foto-jessica-e-janetJessica Santín, nova voz de París de Noia para a temporada 2010, na foto con Janet, baixista da orquestra, na primeira actuación do novo tour

paris-de-noia-2009-cartel

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*