Arranca o tour 2010 da orquestra Aché

0
512

orquesta-ache-2010-imaxe-webCaptura da nova páxina web de Aché con Karmen Martín, a vocalista da orquestra

A orquestra ACHÉ ponse en ruta hoxe mesmo para comezar a xira 2010. Cunha dianteira formada por catro cantantes, tres homes e unha muller (Karmen, Mon, Frank e a nova incorporación procedente de OLYMPUS: Lucky) e outros nove músicos, con novas incorporacións como Mero (teclados), Paco (guitarra) e Sergio (trompeta) -substituíndo a Ángel- comeza hoxe unha nova historia musical nas páxinas de ACHÉ. Renovación no plantel, no repertorio, na páxina web (totalmente nova) e incluso cambio de axencia (Espectáculos Lito), a orquestra de Karmen e Mon loitará por ocupar un lugar entre as primeiras de Galicia.

Hoxe en Magán – Estacas (Cuntis) acompañados pola orquestra SALSA ROSA farán a súa primeira actuación, que se completará con dúas máis no mes de decembro en Vimianzo, concretamente os días 25 e 26. O primeiro día será na sala Soco e o seguinte na parroquia de Treos, no mesmo concello.

Tamén está operativa desde hai unha semana aproximadamente a nova web da orquestra, cos apartados esperables de noticias, calendario, compoñentes… e un novo e exclusivo polo momento: a revista ACHERÍZATE.

Xa está colgado o número 1 cunha curta entrevista a Mero e outros apartados que podes consultar na páxina. Tamén se puxeron en marcha dous concursos que serán mensuais. No primeiro deles podes gañar unha camiseta asinada polos compoñentes da orquestra só por contestar a unha sinxela pregunta que aparece na revista, e no segundo podes acudir a un dos ensaios da orquestra para ver como traballa ACHÉ antes de saír ao escenario.

A partir de hoxe, a orquestra ACHÉ súmase á lista de orquestras que comezaron xa a nova xira 2010, que poderiamos chamar xa a temporada da renovación.

COMPOÑENTES DE ACHÉ 2010

Karmen (voz), Lucky (voz e violín), Mon (voz), Frank (voz), Amaury (percusión), Paco (guitarra), Juan (baixo), Marciano (batería), Lino (piano e guitarra), Tony (trombón), Andel (saxo), Sergio (trompeta) e Mero (teclados, acordeón e voz)

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*