A orquestra Panamá poñerá a música na sardiñada do venres en Meicende (Arteixo)
Esta fin de semana xa se adiantan algunhas das sardiñadas que por estas datas salpican barrios, rúas, lugares e prazas das nosas vilas e cidades. Multitude de locais de hostalaría aproveitan para organizar sardiñadas e churrascadas para darlle a benvida ao verán, que xa está aquí.
Dúas citas importantes, entre moitas que haberá, son as de Meicende e Os Rosales. A primeira, localidade do concello de Arteixo, adoita organizar case todos os anos unha sardiñada na fin de semana anterior ao San Xoán, cando este cae entre semana. A segunda, cita importante no barrio coruñés dos Rosales, que normalmente se organiza o sábado anterior ao San Xoán (excepto o ano pasado que se adiantou dúas semanas para coincidir co final das festas patronais). A asociación de comerciantes dos Rosales é a responsable desta cita gastronómica de éxito; tanto que ese día é imposible aparcar no barrio e acolle xente de todos os barrios veciños e mesmo de lugares como Cambre, Arteixo, Culleredo…
A primeira das citas é venres, no campo da festa. Será sardiñada e churrascada, con música da orquestra ferrolá PANAMÁ, que toca todos os estilos cunha segunda parte máis dedicada á xente nova.
A segunda das citas ten lugar na Praza Elíptica, na parte de arriba do barrio, subindo toda a rúa principal por detrás do centro comercial (Manuel Azaña). A música neste caso corre a cargo do grupo CHASTON. Repertorio variado e espectáculo asegurado.
Polo San Xoán a sardiña molla o pan. Boa festa!!!
O grupo Chaston poñerá a música na sardiñada do sábado no barrio coruñés dos Rosales