Os novos “groupies” verbeneiros?

0
1228

panorama-2007-a-coruna1Imaxe da orquestra Panorama nas festas da Coruña, en 2007 / © roxegar

En plena campaña de verán as aldeas, parroquias, vilas e cidades galegas arden en festas por todos os recantos: festas do verán, romarías, festas patronais, festas gastronómicas, festivais, etc…, e  os medios de comunicación fanse eco das diferentes actividades festivas e mesmo das orquestras que amenizan estas celebracións.

De todos é sabido que as tres orquestras máis mediáticas en Galicia son PANORAMA, PARÍS DE NOIA e OLYMPUS, denominadas en distintos foros verbeneiros “as PPO”, moitas veces para ben e outras para todo o contrario. Sobre o movemento orquestral publícanse moitos artigos de opinión durante todo o verán intentando dar a coñecer a forma de vida dos compoñentes, o traballo que ofrecen ou, por que non, o movemento “fan” que hai detrás de moitas orquestras.

E onte saíu publicado no xornal FARO DE VIGO, un destes artigos, enfocado a describir o “movemento fan” das que considera “as tres gracias” da verbena galega: PANORAMA, PARÍS e OLYMPUS.

Aínda que polo xeral fai unha boa descrición do asunto, creo que non é menos certo que a xornalista que asina o artigo non debeu pisar moitos campos de festa ou ten un peculiar xeito de facer literatura:

Fala de “fiestas de aldea”, como se as grandes vilas galegas e mesmo as cidades non tivesen as súas festas. Os milleiros de persoas que ateigaron o mércores Betanzos para ver a PANORAMA ou o venres para ver a PARÍS DE NOIA deben residir todas en aldeas. E os miles de persoas que pasaron este ano polo barrio vigués de Coia? Por non falar de que o campo da festa en Eirís, barrio da Coruña, se encheu coa actuación de OLYMPUS hai tres días. Tampouco deben contar os miles de galegos e galegas que van cada ano ao San Froilán, aos concertos pero sobre todo ás verbenas, que case sempre hai máis xente na verbena que no concerto. Todos deben ser de aldea.

Fala tamén de que cada seguidor leva a bandeirola da súa orquestra, cando todos sabemos que as bandeiras, panos, bufandas, bengalas, etc… se reparten a todos os asistentes coa única pega de que se acaben sempre antes de chegar á metade da praza.

Pero creo que a mellor frase do artigo podería ser esta:

“Entre los múltiples foros de adeptos al movimiento orquestal del verano, destacan sobre todo las mujeres, niñas y adolescentes, que hacen eco de sus obsesiones y delirios románticos hacia los cantantes y músicos que se cuelgan el cartel de “artistas” en estas fiestas”.

Podemos estar de acordo ou non co artigo, pero a verdade é que, ademais de resultar bastante machista (e descoñecer que tamén as cantantes das orquestras teñen seguidores) parece desprender certo ton despectivo cara aos “artistas” das orquestras. Moitos compoñentes de orquestras e grupos musicais teñen estudos acadados ao longo de moitos anos de esforzo, e mesmo moitos deles continúan a estudar para superarse cada día no seu traballo. Moitos compoñentes de orquestras tocan e cantan tan ben ou mellor que moitos integrantes de bandas e grupos pop ou rock, coa diferenza ao seu favor de que hai que controlar todos os rexistros e todos os estilos de música para satisfacer a todos os públicos, aínda que non tod@s o consigan.  Non tod@s saben interpretar á perfección valses, rumbas, temas pop, disco e bacalao, pasodobles, merengues, cumbias, reguetón, rock, folk e mesmo hip-hop, pero hainos, e moi bos, e o cartel que levan colgado é grazas ao seu traballo e esforzo. Chamémoslles artistas, cantantes, músicos, executantes, intérpretes ou como queiramos… si, tamén os hai horteras. Haber hai de todo.

A algún artista dos considerados de verdade habería que poñelo a cantar con vocalistas de orquestras e levariamos sorpresas. Algúns xa o fixeron e quedaron en evidencia.

Estou a escribir apreciacións que me viñeron á cabeza despois de ler o artigo. Ao mellor escoito gaitas onde soan trompetas, ou non.

Artigo completo tirado de FARO DE VIGO.

Sen comentarios

  1. A verdade non poderia estar en mais acordo contigo………..en setembro vai haber unha festa que en canto teña o cartel ( ainda que xa sei cales son as orquestas e os dias pero bueno ) mandocho espero que non haxa problema en que o publiques para promocionar. Un saludo

    • Moitas grazas Judit. É que no artigo se vía o fenómeno fan só desde o punto de vista das quinceañeiras que se poñen en primeira fila e creo que é moito máis ca iso. Á parte da actitude machista que se ofrecía… en fin, cada un pode opinar.

      Espero ese cartel que por suposto poñeremos no blog. Un saúdo e grazas coma sempre pola túa participación e axuda!!!

Deixa unha resposta


*