A pasada fin de semana en Cea tivo lugar un dos acontecementos festeiros máis importantes en Galicia na temporada 2010. Once grandes orquestras déronse cita no Festival Internacional de Orquestras de Galicia para amenizar tres xornadas con todo tipo de música. Entre elas hai que salientar as nosas: SINTONÍA DE VIGO, PHILADELPHIA e OLYMPUS. De entre as de fóra, varios nomes moi comúns por seren bandas que veñen practicamente cada ano a amenizar as nosas festas: EL COMBO DOMINICANO e ARMONÍA SHOW. E despois, algunhas de recoñecidísimo prestixio como HYPNOTIC BRASS ENSEMBLE, LOS MELÓDICOS ou BILLO’S CARACAS BOYS.
Un panel da exposición sobre a historia das orquestras en Galicia / © fotos: roxegar 2010festaafesta.tk
Pero non só houbo música, aínda que si foi o principal no festival. Coloquios durante dous días e unha exposición ao longo dunha rúa céntrica da vila completan os actos principais. Zona de acampada, zona de alimentación e mesmo unha pequena zona de compras con postos de artesanía ou roupa. Os establecementos de alimentación en Cea estaban todos disfrazados de bocaterías ou mesóns, para aproveitar o tirón da cita e como complemento a unha escasa oferta na localidade, como é lóxico.
Cartel anunciador dun dos coloquios /© fotos: roxegar 2010
Os escenarios dividíanse en dúas localizacións: un na praza central e os outros dous no campo de fútbol. As actuacións con máis convocatoria de festeiros, claramente as do sábado, en especial a da banda venezolana BILLO’S CARACAS BOYS e ARMONÍA SHOW. O tempo axudou, case demasiado se temos en conta as temperaturas a mediodía calquera das xornadas, e a maior afluencia de xente tiña lugar polas noites.
Actuación de Billo’s Caracas Boys / © fotos: roxegar 2010
A que máis gustou… aquí hai diferentes opinións. Moita xente decantábase entre LOS MELÓDICOS ou os BILLO’S. Algúns festeiros opinaban que LOS MELÓDICOS tiñan moita máis calidade que os seus irmáns venezolanos aínda que foron os BILLO’S os que congregaron máis xente. En canto ás orquestras galegas, a SINTONÍA DE VIGO ofreceu unha actuación en sesión vermú impecable e co repertorio xa clásico na formación musical. PHILADELPHIA e OLYMPUS despregaron tamén os seus potentes espectáculos abrindo e cerrando, respectivamente, o FIOU.
De esquerda a dereita: Pepe Chine, Pili Pampín, X.M. Piñeiro e Nonito Pereira / © fotos: roxegar 2010
E sobre os coloquios; moitos vellos coñecidos do mundo da orquestra: Nonito Pereira, Pepe Chine (fundador de MAGOS DE ESPAÑA e compoñente actual en LA BÁMBOLA), Pili Pampín, etc. Moitas lembranzas doutros tempos, os típicos piques entre as orquestras clásicas e as actuais máis encamiñadas ao espectáculo e anécdotas, moitas anécdotas de artistas que levaron (e algúns aínda seguen) moitos anos a súa música polas verbenas adiante. Mención tamén a algúns que xa non están, como Pucho Boedo, ou a grandes nomes a quen a verbena lles debe moito, como Ana Kiro.
Desde logo foi o FIOU un acontecemento diferente que despregou importantes bandas internacionais que non acostuman a vir pola nosa terra. Ademais a vila de Cea foi por uns días centro e referencia da verbena galega. Veremos se a cita ten continuidade no tempo…
Gracias Roxegar polo teu artigo sobre FIOU, so sinto non verte por Cea para plo menos saúdarte. Invite a ti e a os visitantes desta fantástica web á velas fotos de FIOU e os videos que temos publicados na web do Concello de Cea. Mandareiche o cartel das festas da Saleta como vimos facendo ano tras ano para que se o desexas a poñas na web.
Saúdos e moitas gracias