En Pardiñas música folk de primeira

0
512

Festival de Pardiñas 2010 - 31ª edición - agosto - cartel de Rita Galeotte

Xunto con Zas é outra das grandes citas coa música folk pero, a diferenza do primeiro, en Pardiñas haberá dúas xornadas cargadas de actuacións. O festival de Guitiriz está xa máis que consolidado a base de ofrecer ano tras ano carteis musicais de primeirísima liña, e este ano non ía ser menos.

Ademais, o festival complétase coa Mostra de instrumentos de música tradicional.

A continuación ofrecemos polo miúdo toda a información sobre outra das grandes citas para esta fin de semana.

XVII MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

Un ano máis a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), achégase ata o Festival de Pardiñas para organizar a que será a “XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional”. Un evento que constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península e que congrega cada ano a numerosos artesáns do país para mostrar o seu traballo ao público. Este ano a mostra conta coa presenza de 22 artesáns que nos amosarán o seu bo facer, e séguese apostando pola música e polo baile tradicional a través de actuacións en directo, obradoiros e a sempre estimada participación do público presente.

Para levar a cabo esta actividade, este ano contamos coa axuda da Consellería de Cultura e Turismo, Maderas Barber, Comercial Pazos e Seivane-Goretex. Unha colaboración que resulta imprescindible para que a AGG continúe na súa loita de divulgación e dignificación da cultura tradicional.

Durante as xornadas do 7 e 8 de agosto, e no marco incomparable do Festival de Pardiñas, a XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional contará cun programa repleto de actividades.

O Sábado contaremos cun pregoeiro de luxo, Nando Casal, un dos membros fundadores do grupo Milladoiro. Posteriormente terá lugar unha demostración e construcción de gaitas con torno de varas, a cargo do artesán Nebra.Para rematar as actividades do sábado, contaremos coa actuación de Os Minhotos, grupo chairego composto por cinco músicos, que naceu como cuarteto, alá polo ano 96 e que pouco a pouco foi incorporando outros instrumentos da nosa música como o acordeón, a requinta ou a zanfona.

Durante a xornada do Domingo haberá actividades dende a mañá co Concerto Os instrumentos femininos, a cargo de Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos e Xaneco. Xa pola tarde contaremos cunha demostración práctica de instrumentos de corda e percusión a cargo do grupo Diluvea, que está formado por Diego Langarika, Luis Martínez e Beatriz Martínez. O Obradoiro de Baile Tradicional, correrá a cargo de Gustavo Couto, mestre desta disciplina e coautor do libro Bailaben, e máis tarde Pablo Carpintero e Rosa Sánchez serán de novo os encargados de ofrecernos un concerto de repertorio antigo de Pontevedra, que rematará cun obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiraldez.

As actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario disponible, durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.

Van participar estes artesáns:

Lois Mouriño / Obradoiro de instrumentos tradicionais / Compostela
Oli Xiraldez / Gaitas e requintas / Balaide –Teo
Nebra / Gaitas e zanfonas / Porto do Son
Xosé Tuñas / Percusión / Ames
Luis Martínez / Instrumentos de corda / Soutomaior
Pablo Carpintero / Gaitas Requintas e percusións / Santiago
Diego Piñeiro / Gaitas / Palma de Mallorca
Xaneco / Obradoiro de instrumentos musicais galegos / Outeiro de Rei
Diego Langarika / Percusión / Vigo
Che Vázquez / Trompas e instrumentos tradicionais / Brión- A Luaña
Paporrubio instrumentos musicais / Gaitas e frautas / Sarria
Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria Afonso Castro / Gaitas / O Rosal
Foliqueiras / Percusión Tradicional / Vigo
Carlos Fandiño / Gaitas / Teixeiro
Cristobal Prieto / Gaitas e frautas / O Hío – Cangas
O Chilro / Percusión e gaitas / Cambados
Roi / Gaitas e requintas / Vigo
Rebollo instruments / Instrumentos de Corda / Beluso
Xaime Rivas / Zanfonas / Vigo
Morenita / Percusión / Laza – Ourense
Roi / Instrumentos de Corda / Pontevedra

Programa:

Sábado 7 de agosto

17.00 h – Apertura da Mostra
17.30 h – Pregón a cargo de Nando Casal
18.00 h – Demostración de construción de gaitas con torno de varas – Nebra
19.00 h – Actuación de Os Minhotos
20.00 a 21.30 h – Escenario libre para músicos espontáneos

Domingo 8 de agosto

11.30 h – Apertura da Mostra
12.00 h – Concerto “Os instrumentos femininos” – Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos, Xaneco
16.00 h – Demostración de construción de gaitas con torno de varas – Nebra
17.00 h – Demostración práctica de instrumentos de corda e percusión – Diluvea: Diego Langarika,Luis Martínez, Beatriz Martinez
18.00 h – Obradoiro de Baile tradicional – Gustavo Couto.
19.00 h – Concerto de repertorio antigo de Pontevedra – Pablo Carpintero ,Rosa Sánchez
20.00 h – Obradoiro de Treboada – Oli Xiraldez
20.30 a 21.30 h – Escenario libre para músicos espontáneos


Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas 2010 - 17ª edición - Guitiriz - agosto - cartel
O domingo, a Mostra

Na Mostra de Instrumentos de Música Tradicional PRESENTACIÓN DO CD “OS IRMANDIÑOS. UNHA VEZ FOI O TREBÓN”, Poemas de Manuel María, interpretados por A Quenlla.

Xa está á venda en Cd, cos textos musicados e unha melodía instrumental que serve de soporte aos textos dialogados na obra.

O Festival de Pardiñas, vai medrando coma un manancial de iniciativas e novidades culturais, grazas á concentración de vibracións de creatividade, e á fidelidade ó pobo, daquelas e daqueles que nos achegamos aquí para compartir os nosos debezos de beleza.
Hai anos, nesta fervenza emocional que é Pardiñas, Manuel María, comunicoulle a Mero, do grupo A Quenlla, a súa ilusión de que fose este grupo o que musicase os seus poemas de “Os Irmandiños”, e poder dalos á luz…

Non caeu en saco furado, e Mero e Mini, acolleron este compromiso. E velaquí, que neste festival 2010, van presentar a edición musical desta obra de teatro de Manuel María. Vai ser unha hora máxica, para a historia do noso pobo. O poeta da Terra Chá gustaba de promover poéticamente persoaxes e acontecementos da nosa historia, ata convertelos en sinais senlleiras para axudar a facer pobo ás novas xeracións, nesta liña esta obra ideada para representar, mostranos agora este acontecemento das revoltas irmandiñas.
A primeira guerra irmandiña foi no 1431 nas terras dos Andrade, Pontedeume e Vilalba…, ata chegar á Irmandade de toda Galiza, contra os abusos dos señores, provocando a caída de 150 torres e castelos.

A Quenlla puxo música e interpreta, nunha peza única, esta obra. É unha mostra máis da calidade da súa poesía cantada. Da que xa levan producido moitos froitos, facendo un servizo fundamental á nosa cultura. A Quenlla agasalla este traballo marabilloso á Irmandade Manuel María, que se compromete a difundilo en todos os eidos da vida e actividade do país. A honra é moita por ser obra de Manuel María, e por estar interpretada polo grupo A Quenlla, as mellores voces, as máis fieis á escrita… Grazas tamén a Saleta, a dona de Manuel María, por permitirnos esta publicación. Acreditamos que Pardiñas é un mar en calma, no que cada vaga de creación, provoca e suxire outra aínda máis intensa.
Si un día Manuel María, decidiu pór música a “Os Irmandiños”, neste ambiente, na XXXI edición, presentamos a versión, e dámola a coñecer, tamén cando facemos memoria dun dos intérpretes, César Morais, e o cartel do Festival é obra de Rita Galeotte, tamén autora do deseño da carpeta de presentación desta achega que ven a engrandecer aínda máis a obra de Manuel María e de A Quenlla.

Presentacion do CD “OS IRMANDIÑOS”, no esceario da Mostra de Instrumentos, coa participación de: Marica Campo, Miro Casabella, Xosé Estévez, Xosé Neira Vilas, David Otero e unha interpretación do grupo A Quenlla.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*