París de Noia vs Panorama en terras ribeirenses

0
375

I Festa da Xuventude de Aguiño - Ribeira - 2010 - cartel

En Aguiño, parroquia importante de Ribeira, decidiron levar a cabo a celebración dunha nova festa, por se eran poucas as que hai no Concello. A I Festa da Xuventude de Aguiño terá lugar mañá coa participación de dúas das consideradas mellores orquestras de Galicia: PANORAMA e PARÍS DE NOIA.

Xa que logo, teremos a oportunidade de ver xuntas as dúas formacións musicais que tradicionalmente veñen enchendo de maneira sistemática os campos de festa, e máis cando comparten cartel, como é o caso. Aínda que agora a de Noia e a de Caldas xa non están soas na cúspide grazas ao grande éxito que foron acadando outras formacións musicais, o certo é que unha festa con estas dúas orquestras segue a ser especial, polo número de xente que congregan, especialmente nova, pola rivalidade  ben levada que seguen mostrando, porque sempre ofrecen algunha sorpresa, sobre todo a principio da temporada, por ver quen leva mellor espectáculo, mellor repertorio, etc…

Pero a celebración terá tamén un compoñente gastronómico; antes da gran verbena haberá unha degustación de paella de marisco. E para despois do duelo orquestral unha sesión DJ para continuar coa festa. Todo isto baixo unha carpa con capacidade para 1.500 persoas.

Así pois, en Aguiño suman a nova Festa da Xuventude ás súas poderosas festas do Carme (no mes de xullo) e nesta primeira edición bríndannos a oportunidade de ver as dúas orquestras de referencia man a man. Será a partir das 22:30 horas no porto da vila mariñeira.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*