Cis: o traballo para organizar unhas boas festas

0
552

Cis 2009 Comisión de festasCada vez é máis complicado organizar unhas boas festas; moita xente nova non quere saber nada de poñerse a traballar de balde para facer a festa da vila ou do barrio e daquela o relevo xeracional nalgunhas comisións corre serio perigo. Doutra banda, para ofrecer unhas festas de calidade hai que contar con moitos cartos para lles facer fronte aos gastos. Todo custa e non se trata só de contratar un par de orquestras. Por non falar do caché que leva calquera formación musical con certo renome, cada vez máis alto…

Por se non abondase, a todo isto hai que lle sumar o fantasma da crise. Din os vellos que se non hai para pan non se pode gastar en estampas, e a crise económica ameaza a calquera comisión de festas cunha redución importante dos ingresos para organizar unha festa como calquera querería no seu barrio ou lugar.

Para achegarnos un pouco á xente que traballa arreo para sacar adiante as nosas festas populares, comezamos hoxe unha nova xeira no blog Festa a Festa. Queremos entrevistar as comisións de festas para informarnos sobre o traballo que hai detrás de calquera celebración, pero tamén facelo como unha pequena homenaxe a todas e todos os integrantes das comisións de festas por todas as súas horas dedicadas no pracer dos demais.

E comezamos en Cis (Oza dos Ríos) cunha breve entrevista aos integrantes daquela comisión que organiza dúas festas anuais no lugar, aínda que as de máis sona son as do verán na segunda quincena do mes de agosto.

Se formas parte dunha comisión de festas e queredes dar a coñecer a vosa opinión ou os vosos problemas ponte en contacto connosco a través do correo electrónico do blog: festaafesta.blog@gmail.com

ENTREVISTA Á COMISIÓN DE FESTAS DE CIS (OZA DOS RÍOS)

– Cantos membros hai na Comisión de festas?

– Nestes momentos somos sete.

– Que é o máis difícil de organizar nunhas festas?

– Todo o que implica organizar unhas festas é difícil. Hai algunhas cousas que son fáciles de organizar e outras máis difíciles, pero hai que ter sempre todo a punto para que non che falle nada.

– Cales son os principais problemas cos que se encontra hoxe unha comisión de festas para organizar as festas do seu lugar?

– Pois a verdade é que problemas grandes non hai. Se tes todo a punto non hai problema, se non, algún sempre aparecerá.

– En Cis hai colaboración por parte do Concello, o ano pasado, por exemplo, houbo unha gran mellora no campo da festa. Foi algo puntual ou o Concello colabora sempre que pode? Colabora algún organismo público máis á parte do Concello? E as empresas e negocios de particulares?

– O concello colabora sempre que pode. O ano pasado portouse bastante ben, que agora polo menos xa temos campo de festas fixo; as empresas e mais os particulares pois tamén colaboran todos os anos sempre que poden. Desde aquí tanto ao Concello como ás empresas e particulares darlles as grazas.

– Como se conseguen tantos cartos para levar a cabo unhas festas como as de Cis?

– Pois os ingresos principais son os cartos que se xuntan coas cotas da parroquia e as axudas das empresas e dos particulares. Tamén é importante o diñeiro que xera a propia festa.

– Hai colaboración por parte dos veciños?

– A verdade é que hai bastante colaboración por parte dos veciños. Non podemos queixarnos nadiña.

– Estase notando a crise para a organización das festas de 2010?

– Si, porque nas comisións de festas non se dispón dos cartos que lle gustaría ter a cada unha delas e ademais os prezos que cobran as orquestras cada vez soben máis.

– E falando de orquestras, cales van vir a Cis nesta edición?

– Este ano en Cis teremos dúas orquestras e dous dúos musicais. As orquestras serán Armonía Show e Estrellamar. Os dúos serán Camelia e Perfil.

– Á parte das festas do verán en Cis, onde se inclúe a Festa do Mexillón, hai algunha outra celebración na parroquia?

– Si, a finais do mes de maio lévase a cabo a Festa das Flores, pero é unha romaría un pouco máis pequena.

– Por que se fai a festa do mexillón en Cis? Por que este produto?

– É un produto no que xa hai moitos anos que apostamos por el principalmente por cambiar. En todas as festas hai churrascadas e pulpadas e daquela por ofrecer algo diferente apostamos polo mexillón.

– Como se divide o traballo dentro da Comisión? Hai traballos específicos de homes e mulleres ou todos facedes de todo?

– Non se divide o traballo por sexos. Ao que máis e ao que menos tócalle en que traballar, sexa home ou muller bótalle a man ao que haxa que facer.

– Como convenceriades a xente para que visitase este ano as festas de Cis?

– Pois sobre todo porque, á parte de ser unhas festas preciosas, o que veña as festas fixo que o vai pasar ben.

– Cal é o peor traballo dentro da comisión de festas?

– Máis que un traballo concreto, o peor de estar dentro da comisión son os propios días da festa porque apenas se dorme, ou directamente non se dorme nada; aínda que se vai levando bastante ben…

– Ser integrante dunha comisión de festas é un traballo agradecido por parte dos veciños?

– Neste tema hai contestacións para todos os gustos. Moitos saben que ser da comisión conleva moito traballo, aínda que outros non teñen en conta isto.

– Nestes últimos anos cal foi a orquesta ou orquestras que máis gustaron?

– Pasaron xa moitas orquestras nestes anos por Cis, pero pola impresión que nos deu a xente, pode que a que máis gustase fose o ano pasado a Marbella.

– Que orquestras vos gustaría ter para 2011?

– Pois máis que nomes concretos, gustaríanos contar con orquestras que tivesen música para todos os gustos e que soubesen animar a xente.

– E xa para rematar, podedes dicir algo para a xente que vai ler a vosa entrevista en Festa a Festa.

– Primeiro darche as grazas, Roxegar, por facernos a entrevista e despois desexarlle á xente que goce dela e das festas.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*