Solidariedade con Haití: concerto en Pontevedra

0
449

concerto-solidario-2010

SÁBADO 6 DE FEBREIRO.- PRAZA DO TEUCRO – PONTEVEDRA: “CONCERTO SOLIDARIO: PONTEVEDRA CON HAITÍ”, A PARTIR DAS 17:00 HORAS

Despois de gozar da festa de cinco formacións musicais de verbena na Barcala (Cambre) o pasado sábado, agora toca máis ao sur, en Pontevedra. Os concertos e actos para recadar fondos para os afectados pola catástrofe do terremoto en Haití vanse sucedendo. Desta volta trátase doutro tipo de música pero a finalidade é a mesma. E non acabarán aquí as citas por Haití, xa que hai polo menos outra dentro dun par de semanas da que tamén informaremos en Festa a Festa. E é que ao fin xustifica toda promoción que lle poidamos facer desde o noso humilde recuncho en Internet.

Pasamos a detallar toda a información que nos chega desde a organización do concerto. O vindeiro sabado volveremos a ser solidarios!

_______________________________________________

O vindeiro sábado dia 6 de febreiro das 17.00 ás 00.00 h Pontevedra acollerá na praza do Teucro o Concerto Solidario: Pontevedra con Haití, unha iniciativa cidadá para sumarse ao envio de axuda na emerxencia sufrida pola poboación haitiana co terremoto do pasado de 12 de xaneiro.

O proxecto foise perfilando a través da rede social facebook coa creación dun grupo que a día de hoxe conta con case 4.000 membros e dende o cal se fixo unha petición de axuda, que obtivo unha resposta inmediata por parte de decenas de voluntarios; dende os artistas que mostraron a súa disposición para tocar de balde ata as diferentes empresas e medios de comunicación que están colaborando coa organización, sen esquecer cada persoa que ofreceu o seu tempo para axudar en todo o  posible.

Finalmente actuarán na Praza do Teucro os grupos musicais Portrait, Samuel Levi, Gurumamut, Drama, Dismal, Marvel, Querido extraño, Pulsa Denura, Eladio Santos, presentados pola xornalista Mayte Cabezas. O evento complétase coa “Pinchada por Haití” na que participarán Dj Lagartija, Charli_e, Ilmo. Sr Fiuza, Diedo Ddelirio, Sandrita Dinamita y Picnic nas salas Karma, Rubick, Cordura e Camarù. Na praza colocarase un escenario e unha barra con bebida e comida e todo estará cuberto cunha carpa.

A entrada non ten establecido ningún prezo, así que cada persoa poderá aboar o que poida ou crea conveniente para apoiar a emerxencia, tanto dentro da carpa sita no Teucro como nos petos de recadación que estarán nos diferentes locais que colaboran. Todo o recadado irá destinado á Cruz Roja, organización elixida pola sua seriedade e eficiencia tanto en axuda humanitaria coma en reconstrución.

Nos dias seguintes ao concerto organizarase tamén unha venda de obras de arte na que doarán as súas obras artistas como Cristina Cotelo, Kanta Budha, Karlos Abal Lobato, Sabela S. Canitrot e Chus Lauzara entre outros.

Todo o proxecto ten orzamento cero, e non sería posible sen a cesión de determinados recursos e a colaboración das diferentes persoas que quixeron mostrar o seu apoio. O Concello de Pontevedra amosou o seu apoio dende o primeiro momento, encargándose da cartelería, cedendo finalmente a praza do Teucro e un escenario, son e a carpa que envolverá o evento, que pon á nosa disposición Voz y Sonido producciones e Grupo Norte gestión de eventos. Colaboran tamén Ernie produccións en toda a xestión do concerto, Veteris achegando o equipo de luz e imaxe; Gadisa co catering; e Papelería e copistería Carlín, Colotec, Mercería Saldaña con distinto material.

A organización quere agradecer polo tanto a todas as persoas voluntarias, entidades, empresas, grupos musicais e artistas que mostraron o seu apoio ao Concerto, xa que todos se volcaron positivamente dende o primeiro momento, e farán posible que o vindeiro dia 6 sexa o día de Pontevedra con Haití.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*