Ao final non pasou de susto, pero a pasada noite, último día das festas do populoso barrio vigués de Coia, as ambulancias tiveron que entrar na pista de baile para socorrer dúas persoas por desmaio ou sufocos.

Vigo 2016 - Festas de Coia - fotografía

PANORAMA e GRAN PARADA cerraban onte as festas de Coia. O campo propio da verbena (unha pista de deportes) non é moi grande, e se a iso se lle suma o gran número de atraccións montadas ao redor (no gran parque do barrio), convértese nun campo difícil de desaloxar en caso de que ocorra algún percance. Se aos milleiros de persoas que acudiron ás festas, máxime o último día, lle sumamos a temperatura alta rexistrada esta pasada noite, non é moi estraño que pase algunha incidencia ou incidente ao que hai que acudir. Dúas persoas tiveron que ser evacuadas en ambulancia desde o campo de baile, o que provocou que a orquestra PANORAMA tivese que parar a actuación durante uns minutos.

A orquestra colaborou en todo momento para que se fixese un corredor para acceder ata o lugar onde estaban as persoas, dous homes, un novo e outro maior, e podelos atender. Incluso unha das cantantes, Maythe Leiva, non dubidou en saltar do escenario para acudir os indispostos, pois ten coñecementos de primeiros auxilios.

A cousa quedou en susto e a festa retomouse pasados 10 minutos. PANORAMA e GRAN PARADA cerraron por todo o alto unha edición máis das festas de Coia. Agora os vigueses agardan polas de Bouzas, outras das grandes que comezarán a próxima semana.

En canto á orquestra PANORAMA, cerrará hoxe mércores outras das grandes, as de Boiro, esta vez acompañada da orquestra ROYAL DE GALICIA. O campo da festa, a praza de Galicia, onde está situado o Concello, quedará de novo pequeno.

[Publicación coa información ofrecida por Daniel Seijas, condutor do programa Palco de Estrelas de Radio Valga, no seu muro de Facebook. Fotografías dun colaborador do programa de Seijas.]

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*