Marea panorámica nas festas do Burgo

0
792

DSC_6046Milleiros de persoas gozaron do espectáculo da orquestra Panorama, das atraccións e dos fogos artificiais no último día das festas do Burgo (Culleredo).

Fonteculler, 22:15 horas, colapso total para acceder á localidade veciña do Burgo. A xente xa vai deixando os coches en lugares de discutible legalidade. Non hai onde meter un coche por pequeno que sexa. Xa no Burgo a xente baixa en greas cara ao paseo marítimo, lugar onde se atopan as atraccións de feira e o escenario da orquestra PANORAMA.

Despois de aparcar en Almeiras nunha rúa apartada da poboación, ás 23:10 horas dirixímonos en procesión cara á festa. Nunca tal, e iso que eu vou todos os anos ao Burgo. Nunca tanta xente se viu nos últimos anos a derradeira xornada nas festas. Sempre hai moitísima xente, iso é verdade, pero este ano as previsións quedaron desbordadas. Colas nas atraccións, greas de xente entrando e saíndo da festa. Dificultade para poder chegar a un lugar onde poder ver algo, que eu non son nada alto e teño que andar sorteando sempre as cabezas… misión case que imposible. Ao final consigo chegar ao lado da mesa de son. Non está nada mal!!!

Comeza a actuación e de alí á media hora recibo un sms duns amigos. Están tan atrás que apenas poden ver nada, e escoitar aínda menos, a non ser a música machacona do barco pirata e do aparato que vira coa cabeza para abaixo ao persoal e o molla máis do que algúns quixeran. Desde alí é inútil gozar da verbena e moito menos acceder máis adiante.

Só á 1:50, cando rematan os fogos, comeza a xente a marchar en greas para as casas, ao día seguinte moitos teñen que traballar. As caravanas repítense agora en dirección A Coruña. Os municipais, desbordados, intentan regular o tráfico. Pasadas as dúas da mañá marchamos nós, con mágoa de non poder quedar a algo do segundo pase. Coa xente que alí queda moitas comisións de moitos lugares farían un festón… As do Burgo son as mellores da área metropolitana coruñesa con diferenza. E parece que cada vez con maior diferenza, máxime tendo en conta que algunhas outras que competían con elas no calendario non saíron coma outros anos.

Sen comentarios

  1. Ola Judit. A verdade é que si, son as mellores festas da Coruña e arredores. Houbo todos os días moita xente pero especialmente o último. Xuntaron os fogos artificias, que teñen moita sona, coa Panorama e montouse a que se montou!!! Saúdos e grazas por estar sempre aí.

Deixa una resposta a roxegar Cancelar resposta


*