Seis grandes orquestras para Dena

0
375

Meaño Dena 2010 cartel elaboración propia

Cartel de luxo para esta fin de semana en Dena. As festas da parroquia do concello pontevedrés de Meaño brillan con luz propia e xeran grandes expectativas de asistencia de público para ver a nova temporada de seis das orquestras máis demandadas nas celebracións populares.

MARBELLA e PONTEVEDRA serán as dúas primeiras formacións musicais. A primeira presenta o seu novo plantel de músicos e cantantes na zona así como as primeiras novidades no repertorio. Tamén a PONTEVEDRA ofrecerá novos temas dentro do seu estilo de orquestra bailable 100%. Nesta segunda orquestra apenas hai un cambio no cadro de músicos e a dianteira permanece sen alteración.

PANORAMA e SINTONÍA DE VIGO serán as que amenicen o segundo día de festas. Dúas “enche campos”, a primeira polo seu espectáculo sempre chamativo e música dirixida a todos os públicos e a segunda por estar considerada unha das mellores orquestras tradicionais de Galicia. En PANORAMA poderemos ver xa unha parte importante do novo repertorio e espectáculo, aínda que non está todo presentado de cara ao verán e pode haber sorpresas. Como xa informamos e é ben coñecido a estas alturas, na formación debutan tres músicos á parte das dúas voces femininas. Na SINTONÍA DE VIGO tamén hai un cambio importante: a incorporación de Pascual como teclista e responsable de moitos aranxos musicais para esta e outras orquestras. O repertorio desta formación musical é máis clásico que o de PANORAMA e nel inclúense pezas difíciles de escoitar noutras orquestras e maxistralmente tocadas pola dianteira que permanece igual que en 2009.

E a última xornada de festa estará amenizada por GRAN PARADA e CHARLESTON BIG BAND, dúas orquestras que poden presumir de colocarse nos primeiros postos da verbena galega. Na primeira hai un cambio na dianteira mentres que na segunda hai un único cambio nos músicos. Presentarán novidades en canto ao repertorio adiantando xa parte do que será o espectáculo preparado para este verán.

En Dena a festa vai ser todo un éxito e hai grande expectación non só no concello senón tamén nos arredores, como Vilalonga ou Sanxenxo. Se o tempo acompaña a asistencia vai ser moi importante.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*