Ribeira está de moda

0
518

Ribeira Festa da Primavera Ribeira de Moda 2010 cartel elaboración propia

Para quen coñeza a capital do Barbanza como os nacidos alí ou outros a quen nos encandilou ata “adoptarnos” coma seus, non fai falta dicir que Ribeira está de moda. Pero para os que aínda non a coñecen abondo e queiran dar ese paso, na Centenaria estes días hai festa, como non!

Baixo o pretexto de Festas da Primavera Ribeira de Moda poderemos gozar de catro xornadas de verbena grazas á organización de comercios e hostalería.  Poderanse adquirir rifas en moitos locais de Santa Uxía para ter opción a sorteos de regalos moi interesantes.

E como resultado do esforzo dos locais comerciais e de ocio ribeirenses, podemos gozar de catro días de festa. As dúas primeiras verbenas serán hoxe e mañá, unha terceira o venres da semana que vén, e a última o venres 9 de abril. As orquestras son punteiras: PHILADELPHIA, ACHÉ, COSTA OESTE e CINEMA, e amenizarán as primeiras festas da capital da troula no Barbanza.

O de “capital da troula”, que acabo de sacar da manga, acáelle moi ben a Ribeira. Non en van é unha das localidades con máis festas do Barbanza, aínda que aquí de festas os veciños non andan mal tampouco. Para mostra esta fin de semana con celebracións en Bealo (Boiro), o San Xosé, e en Taragoña (Rianxo), Iª Festa da Xuventude.

E se nos cinguimos á capital do Barbanza, esta é só a primeira de moitas que virán, todas elas de sona: en breve a FESTA DA CHUVIA, en xullo a FESTA DA DORNA (de interese turístico galego), unha semana despois as FESTAS DO VERÁN (6 días de verbenas, atraccións e outras actividades festivas), e para rematar a SANTA UXÍA no mes de setembro. E todo isto sen meternos nas parroquias onde salientan as de Aguiño (mes de xullo) ou Palmeira e Corrubedo (agosto) entre moitas outras. Pero se aínda non nos chegan e queremos máis troula, aínda que non son festas estritamente verbeneiras, temos a Feira Mariñeira e Medieval ou os concertos do monte de San Roque, sen esquecernos da Festa do peixe e de multitude de citas musicais no Malecón durante todo o verán.

Desta volta informamos da primeira das citas festeiras en Ribeira: hoxe a orquestra PHILADELPHIA, que xa actuou nas festas do verán en 2009, e mañá a orquestra ACHÉ, coa súa nova xira.

ACHÉ quedará na zona despois de actuar na Centenaria, xa que é a encargada de amenizar a I FESTA DA XUVENTUDE de Taragoña xunto coa PARÍS DE NOIA, evento do que xa informamos en Festa a Festa.

Para a semana actúa COSTA OESTE, liderada por Javier Comesaña, que presentará novidades na xira 2010, e cerrará a CINEMA de Alberto Dopico en abril.

Irémonos acostumando, a partir da primavera no Barbanza sempre hai festa.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*