Saír do San Froilán nun coche do trinque

0
492

Coche Tómbola del Cubo

AMARAL DESBORDA LUGO

CERRAN PANORAMA E FUXAN OS VENTOS (+INVITADOS) O LUNS

SORTEO DUN COCHE NA TÓMBOLA DEL CUBO

Este ano o San Froilán está a ser bastante irregular, e non polo número de xente que abarrota esta longa fin de semana, senón polo propio día de San Froilán (o luns pasado) no que o tempo xogou unha mala pasada e arruinou por completo un dos días máis importantes das festas.

O factor xente, ademais, non é decisivo para concluír que o San Froilán sexa bo ou malo; segundo os feirantes, outros anos de menos intensidade de visitantes houbo máis negocio, aínda que tamén recoñecen que cando lles vai moi ben tampouco din nada.

Desde logo onte sábado a cousa era de tolos, un Lugo desbordado de xente, milleiros e milleiros de persoas por rúas onde outras edicións non pasaba apenas ninguén, verdadeiras caravanas de coches buscando un oco onde meterse… e a praza Maior, Santa María, Horta do Seminario e recinto feiral ateigados de festeiros. Colas nas churrerías Galiano e Don Pepe, atraccións de feira completas e colas para entrar nas casetas do polbo, onde nunha delas se esgotou o xénero e noutra tiveron que repoñer as bebidas esgotadas xa a media tarde, concretamente en palabras do camareiro, “repuxemos un camión de bebida”… E pregunto eu: Onde está a crise?

Tamén é verdade que o concerto de AMARAL, un dos máis importantes desta edición, axudou. O grupo xuntou a milleiros de persoas que desbordaron as rúas onde houbese algo que tivese que ver coas festas. O concerto resultou moi efectivo, un bo directo que se viu recompensado por un público totalmente entregado nunha cita xenerosa de dúas horas de música.

Ao rematar o concerto, a avalancha de persoas dirixíase cara á praza Maior para seguir de festa coa orquestra MIRAMAR, outros intentaban non sen dificultade, saír da cidade e o resto dirixíase cara as atraccións de festa que se viron desbordadas. O parque Rosalía de Castro estaba ateigado de xente ás dúas da mañá, entre os festeiros e os “botelloneiros”; por non falar do entorno da catedral e das rúas dos locais de hostalaría de máis sona na cidade das murallas; un auténtico periplo poder pasar por alí.

E a festa continúa con dúas xornadas importantes: o Domingo das Mozas e o Pilar, que ademais pon fin ás festas 2009.

A todo o programa preparado para a traca final, orquestras COSTA OESTE (domingo) e PANORAMA (luns), concertos de MARÍA DEL MAR BONET (domingo) e FUXAN OS VENTOS + AMIGOS o luns, entre outras moitas actividades, hai que lle sumar unha ben curiosa que de seguro xuntará a moitas persoas: o sorteo por parte da TÓMBOLA DEL CUBO dun Seat Ibiza ás 24 horas do luns. Un festeiro do San Froilán pode saír de Lugo montado nun coche do trinque.

Esta iniciativa xa non é nova por parte da famosa tómbola. Outros anos xa se ten levado a cabo e tamén noutras celebracións de sona como a Pascua de Padrón, o San Xoán de Carballo ou as festas de Ribeira entre outras. E é que este sorteo é un gancho moi efectivo porque un coche novo non é ningunha broma.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*