A orquestra Los Príncipes tocou no seu barrio (galería de fotos)

0
583

orquesta-los-principes-foto-laura-gs-20093

Actuación da orquestra Los Príncipes no barrio coruñés dos Mallos dentro do programa das festas de María Pita 2009 /© Laura G. S.

Dentro do programa de festas María Pita 2009 da Coruña programáronse como todos os anos verbenas por diferentes barrios da cidade. Esta semana entramos nos últimos días das festas do verán na cidade herculina e para iso están programadas as tres últimas actuacións orquestrais das que daremos conta nun par de días.

Hoxe ofrecemos unha galería de fotos colgada en Flickr, propiedade de Laura G.S., colaboradora do blog Barrio dos Mallos. O administrador do dito blog deunos permiso para enlazar coas fotos de Laura, a quen lle damos as grazas polo seu traballo. Trátase da actuación o pasado martes da orquestra LOS PRÍNCIPES no barrio dos Mallos, lugar que a viu nacer e barrio que contou case sempre con ela para realizar ano tras ano as súas famosas festas hoxe desaparecidas.

LOS PRÍNCIPES volveron tocar nos Mallos, como case todos os anos, pero non no mes de xullo como cabería agardar. As festas dos Mallos foron deambulando por distintos lugares ao mesmo tempo que perderon o seu esplendor. Hoxe a desculpa de falta de sitio adecuado non se sostén porque o lugar onde se celebraron os dous últimos anos (2006 e 2007) é magnífico. Agardamos que a asociación de veciños do barrio retome a organización das festas dos Mallos, labor nada fácil nestes tempos, e poidamos volver a gozar das celebracións do barrio.

Hoxe quedamos coas fotos de Laura G.S.

Copiamos tamén a noticia do Blog Barrio dos Mallos sobre a actuación de LOS PRÍNCIPES

(Mércores, 19 de agosto de 2009)

A nova festa dos Mallos chegou onte ó barrio de forma puntual da man de María Pita. Por segundo ano consecutivo, o barrio non tivo ás súas tradicionais festas de xullo e debido a iso, entre Concello e Asociación de Veciños argallouse unha tarde-noite de festa na zona da Sardiñeira.

Despois dunha tarde adicada aos nenos, chegou o turno da verbena. Puntualmente ás 22h30, levantouse o telón do palco. O cantante da orquesta leu unha nota da Asociación de Veciños dos Mallos, Sagrada Familia e Estación, na que agradecían a presencia da xente na festa e na que se daban datos sobre a organización deste evento, que correu a cargo do Concello a petición de dita Asociación.

A continuación houbo un par de actuacións como resultado do coñecido “Operación Mallos“, actividade na que a través da AVV, mozos e mozas do barrio aprenden a cantar e bailar coma os seus cantantes favoritos. Os cativos desta actividade xa acadaron diversos premios nos concursos da nosa cidade en anos anteriores e onte, tiveron a oportunidade de tocar diante dos seus veciños na festa do barrio.

E despois, tocoulle o turno a outros veciños do barrio, da zona da Sagrada Familia, a orquestra “LOS PRÍNCIPES”, herdeira da famosa “Los Gemelos y su Orquesta”. Chegaron ó barrio dentro da súa xira 2009 na que presentaron novo escenario, incorporaron dúas bailarinas e subiron a cinco o número total de voces.

Agradecémoslles ao administrador do blog Barrio dos Mallos e Laura G.S. a súa colaboración con Festa a Festa

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*