Máxima diversidade musical nas festas de Coirós

0
228

Festas Coirós 2009 cartel

Comezan as festas de Coirós cun cartel musical moi variado: unha orquestra-espectáculo das grandes, unha boa orquestra de baile e outras dúas formacións de afeccionados, das cales unha toca en directo e a outra fai un espectáculo con playback imitando a unha orquestra carismática.

TUMBALOBOS ORQUESTRA é a primeira formación que subirá ao palco en Coirós. Os compoñentes de TUMBALOBOS son afeccionados que crearon a agrupación para se divertiren pero non son profesionais nin viven da música, aínda que véndoos poida parecelo. A idea de formar TUMBALOBOS naceu por parte dun grupo de coñecidos para pasalo ben coa música e darlle un aire diferente ao concepto de orquestra no noso país. Nesta formación prima a orquestra “desde Galicia e para Galicia”, e, por suposto, en galego, como unha canle máis de normalización da nosa lingua.

TUMBALOBOS amenizará a gran churrascada do comezo das festas.

A continuación a orquestra PARÍS DE NOIA, unha das máis seguidas por Galicia e fóra dela poñerá a música e o espectáculo ata altas horas da madrugada. A xira 2009 de PARÍS DE NOIA está gustando moito alá onde tocan e mesmo se fala do “rexurdir” da orquestra aos seus mellores tempos.

O sábado tócalle á orquestra coruñesa VERSALLES. Esta formación cambiou a tres dos catro compoñentes da dianteira, entre os cales se atopa Calú Méndez (ex CINEMA). VERSALLES continúa co seu estilo moi característico onde prima o merengue, as cumbias e todo o son latino que desprende desde os seus inicios.

E para rematar o domingo, o espectáculo doutros afeccionados, pero a diferenza con respecto de TUMBALOBOS está en que aquí non hai música “de verdade”. O espectáculo de PARÍS DE OZA, que así se chama a formación, consiste en emular a PARÍS verdadeira, a noiesa, con playbacks. Nin voces nin música son en directo nesta formación, pero sen enganar a ninguén, posto que é o primeiro que din os seus compoñentes, onde se inclúe mesmo o crego da vila.

O concepto PARÍS DE OZA naceu por parte duns cantos veciños de Oza dos Ríos para pasalo ben e levar a música a aqueles lugares nos que non había moitos cartos para poder pagar unha orquestra “de verdade”.

E así, con este cartel tan variado e curioso discorrerán as festas de Coirós, que teñen como primeiro acto pregón de Isabel Risco, a primeira pregoeira de Coirós… e esperamos que non a última.

Nota da organización das festas co programa completo:

ISABEL RISCO E TOMBALOBOS ORQUESTRA POÑEN A NOTA AUTÉNTICA NAS FESTAS DE COIRÓS

O Venres 31 de xullo, a partir das 21:00 haberá churrascada (10 euros) no campo da festa de Coirós amenizada pola Tombalobos Orquestra. Arredor das 12 da noite Isabel Risco, lerá o pregón, sendo ésta a primeira vez que haberá pregoeira. Continuará unha verbena ata que o corpo aguante coa orquesta París de Noia.

O sábado Alborada a cargo do grupo de gaitas da Escola de San Pantaleón das Viñas. Sesión Vermú e verbena nocturna amenizada pola orquestra Versalles.

O domingo a misa cantada coa participación do Coro de Coirós, sesión vermú na que se realizará o sorteo dunha tv SAMSUNG LCD 22″. Tanto na vermú coma na verbena nocturna actuará o grupo París de Oza do concello veciño de Oza dos Ríos.

Agardamos contar coa vosa participación.

Pura Ferreño Saia
Asoc C.R da parroquia de Coirós – Comisión de Festas

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*