A verdade é que desde Festa a Festa quixemos que pasase a polémica sobre o lamentable incidente acontecido nas pasadas festas de San Xoán en Covas (Viveiro), onde unha rapaza subiu sen permiso ao escenario da orquestra COSTA DORADA e tivo que ser invitada a baixar para poder continuar coa actuación. Pero ante a repercusión que tiveron os acontecementos desde a nosa web queremos dar o noso máximo apoio a COSTA DORADA e a todas as orquestras que se ven envoltas nesta serie de incidentes.

Comunicado_Costa_Dorada_2017

O suceso pasaría como unha simple anécdota se non fose porque a devandita “artista” presentou denuncia por agresión contra os membros da formación musical. Varios vídeos subidos a YouTube amosan como algún membro da orquestra baixa a rapaza do escenario para poder continuar co seu traballo.

Cremos desde Festa a Festa que xa empeza a ser demasiado habitual e desde logo intolerable que as orquestras teñan que aturar esta serie de ataques de xente que sobe aos escenarios sen permiso, xente que lanza obxectos (vasos de cristal incluídos) aos membros das orquestras, xente que intenta manipular ou apagar os grupos electróxenos colocados normalmente detrás dos palcos…

Alguén cre normal entrar nun hospital como se fose a súa casa, ou nun colexio ou instituto a berrar polos corredores, ou nunha oficina a montar gresca, ou nunha granxa a soltar animais? Supoñemos que non, porque son LUGARES DE TRABALLO… igual que os palcos.

Deixemos traballar as orquestras igual que o resto de profesionais; nós estamos na festa pero eles están traballando para a nosa festa, o que non implica que teñan que aturar todo tipo de actos.

Tolerancia cero cos energúmenos e bravo por todas as orquestras que ante estes actos vandálicos optan por baixar o pano e clausurar a festa, aínda que nos teñamos que fastidiar tod@s.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*