“Maxicamente vello”, o novo disco de Roi Casal

0
1294

roi-casal-2011-lanzamento-disco

Desde onte xa está á venda o novo traballo de Roi Casal, Maxicamente vello

O ex compoñente de MILLADOIRO, Roi Casal, xa ten novo disco. Acaba de saír á venda a súa nova creación baixo o título Maxicamente vello. Un compendio de cancións que van desde a música tradicional galega ata o pop rock máis brillante. E aínda que podemos atopar todo ese abano de formas e ritmos, o artista define este novo “fillo” como un traballo máis íntimo e persoal que o anterior.

Maxicamente vello parte dun poema de Manuel María ao que Roi Casal lle puxo música, e para o lanzamento do novo traballo escóllese un single baixo o título Foi o vento; un tema dos que máis se poden achegar ao pop actual máis comercial.

E como xa fixera no anterior traballo, Lendas douradas, Casal acompáñase dos mellores músicos e dunha das mellores e máis completas voces femininas: Silvia Ferre Casar. A vocalista asturiana ponlle voz á canción que sae como primeiro sinxelo, un tema pop de ritmos moi pegadizos.

A cantante volve repetir nesta segunda entrega en solitario de Roi Casal. Malia non ser galega Silvia é quen de poñer voz e sentimento ás cancións de Roi Casal como só ela sabe. A rianxeira de adopción xa nos deleitou co seu saber facer en cancións como Din Dan (Lendas douradas, 2008) e vese que a súa longa traxectoria por diferentes orquestras de baile de Galicia non caeu en saco roto.

Ao ser escollida xa en 2008 para o que fora o primeiro traballo de Roi Casal fóra das filas de Milladoiro, Silvia conseguiu facer realidade un dos seus soños: cantar en galego. E á vista dos resultados non lle foi nada mal a experiencia.

Xa con traballo novo na rúa, Roi Casal e a súa banda comezarán unha serie de concertos de presentación. O día 10 en rolda de prensa preséntase á prensa Maxicamente vello, na sala Sargadelos de Compostela. Alí o músico fará unha demostración acústica con dous temas do CD. Xa o 18 de febreiro comezará a esperada xira de presentación de novo en Compostela (Sala Capitol) para continuar o día seguinte na Coruña (Teatro Rosalía de Castro). Maxicamente vello será presentado en 12 cidades antes de emprender, esperamos, a xira de verán por salas e campos de festa.

Silvia Ferre_2010_01Silvia Ferre nun concerto en 2010 con Roi Casal presentando o anterior traballo do artista, Lendas douradas / © Foto: roxegar 2010

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*