Fichaxe estrela en Charleston Big Band

0
563

Grupo Tekila 2010 - 001 - BensRaúl Paz, vocalista do grupo Tekila desde outubro de 2009, é a nova fichaxe da Charleston Big Band / © Foto: roxegar 2010

Fichaxe estrela e, en principio, a única para a nova temporada 2011. Raúl Paz, vocalista do grupo asturiano TEKILA, é o novo cantante da orquestra padronesa CHARLESTON BIG BAND.

A orquestra da terra de Rosalía non é moi dada aos cambios continuos ano tras ano, e unha vez máis pode facer gala desta característica pois, por segundo ano consecutivo, só haberá un cambio na banda. Raúl substitúe a Sergio Corral, que pasa a formar parte da orquestra PARÍS DE NOIA, tal e como informamos en Festa a Festa.

Grupo Tekila 2010 - 003 - Bens

Raúl xunto co teclista de Tekila nunha actuación esta temporada nas festas do barrio coruñés de Bens / © Foto: roxegar 2010

Raúl é un cantante moi coñecido e valorado na verbena asturiana onde estivo durante dous anos no grupo TEKILA, un dos máis importantes dos nosos veciños asturianos. En Galicia tamén é coñecido xa que o grupo está representado por Espectáculos Lito e traballa bastante na nosa comunidade. Pero de seguro que a súa sona na nosa terra se disparará a partir de agora ao pasar a formar parte da dianteira dunha das orquestras máis coñecidas e mellor valoradas das nosas festas.

O currículum musical de Raúl Paz non se limita ao grupo asturiano do que vén. O cantante, a pesar da súa idade, xa traballou noutras orquestras como THE CARTOON BAND (2007) e a leonesa IPANEMA (bastante coñecida tamén polos nosos campos de festa). A nova fichaxe do ponferradino por parte dunha das consideradas mellores orquestras galegas será, sen dúbida, o apoio definitivo á súa carreira musical.

Comeza en decembro unha nova etapa na CHARLESTON BIG BAND con este cambio na dianteira e de seguro que con outras moitas novidades a outra escala. Será a temporada número 27 da formación musical máis famosa de Padrón.

Grupo Tekila 2010 - 002 - BensOs vocalistas de Tekila baixan do escenario e interpretan un popurrí entre o público. Raúl Paz abandona o grupo para integrarse nunha das orquestras máis famosas de Galicia / © Foto: roxegar 2010

Agora só queda aproveitar as últimas citas festeiras coa CHARLESTON BIG BAND 2010 antes de apagar as luces do escenario ata a vindeira temporada. Aínda se poderá ver a orquestra o día 23 en Aboi (Caldas de reis) coa PANORAMA; o 24 na sala de festas Chanteclair de Valga; o 30 na romaría de San Simón, en Baión coa orquestra PONTEVEDRA e o 31, para rematar temporada, coa SINTONÍA DE VIGO en Areas (Tui).

Á volta xa será a CHARLESTON BIG BAND 2011…

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*