Kerry Varella, o todoterreo da verbena

0
624

orquesta-galactica-2010-kerry-varella-1

Publicamos hoxe unha interesantísima entrevista feita a Kerry Varella, vocalista da orquestra GALÁCTICA. Pero Kerry é moito máis que un cantante de orquestra “a secas”, un artista todoterreo diriamos, que coqueteou con outros estilos musicais e grupos diferentes ao que entendemos hoxe por orquestra e non se limita só a ser vocalista nunha agrupación musical.

Kerry achéganos nesta entrevista a historia da súa vida profesional, a vida de calquera mozo que quere dedicarse á música custe o que custe. Tamén veremos un pouco a perspectiva das verbenas desde unha orquestra modesta e carente da infraestrutura e montaxe doutras consideradas máis grandes. Todo é verbena pero non se leva igual…

Despois da entrevista incluímos unha lista con todos os sitios de Internet onde podes atopar a Kerry varella para seguirlle os pasos e coñecer máis sobre a súa traxectoria. E é que o cantante, ademais de ser un ás no escenario, é o rei da rede a xulgar por todos os sitios onde o poderemos seguir coñecendo.

Quero darlle as grazas publicamente a Kery varella por facilitarme en todo momento poder realizar esta entrevista incluso en circunstancias pouco favorables para que se puidese levar a cabo. Grazas amigo pola túa paciencia e dedicación!

orquesta-galactica-2010-kerry-varella-2– Como se introduce Kerry Varella no mundo da música?

– Toda a miña vida xira ao redor da música desde que era moi pequeno. Lembro que con cinco aniños, máis ou menos, xa cantaba as cancións infantís dos debuxos animados que vía daquela: La abeja Maya, Comando G, Willy Fogg… Anos máis tarde influencieime totalmente pola música dos 80: Pet Shop Boys, Samantha Fox, Loquillo, Modern Talking, Madonna… ata que por mediación dun amigo fun entrando no que era a música heavy, estilo que me cativou. Comecei a soñar con cantar nun grupo, facerme famoso e bla bla bla… eu cantaba todos os días a todas as horas. Poñía un ou dous discos seguidos dos meus grupos preferidos e cantábaos a grito pelado na casa. Foi a raíz de anuncios na radio e mais na prensa que entrei no meu primeiro grupo heavy metal: WISDOM.

Anos máis tarde, e tamén por mediación duns amigos cuxo pai tiña unha orquestra, propuxéronme entrar nela tocando o teclado. Non tiña nin idea de teclados, pero o xefe brindoume un curso intensivo. Así que empecei co solfexo e as prácticas técnicas, que incluían tamén a aprendizaxe dos temas da orquestra. Nuns meses debutei como teclista na orquestra EUMESES. Un ano máis tarde, e logo da baixa da parella de cantantes, cubrín o posto de vocalista. Foi unha etapa dura porque eu era moi novo, a miña voz tiña un matiz determinado e o timbre non era moi apropiado para certo tipo de cancións, pero aprendín moitas cousas.

– A túa paixón pola música non pasaba, en principio, polo mundo das orquestras; o teu era o rock. Por que decides formar parte da orquestra?

– Basta oírme cantar calquera das cancións rock que interpreto para darse conta que é o estilo que máis me tira… Non foi unha determinación miña entrar no mundo das orquestras. Máis ben foi que eu era un mociño ao que lle fascinaba a música e soñaba con actuar en escenarios e ser famoso, típico de adolescentes. Salvando as distancias que supoñía daquela, que me propuxesen entrar nunha orquestra era para min todo un desafío que me permitiría dalgunha maneira dedicarme profesionalmente á música, aínda que en principio non fosen estilos da miña predilección. Hoxe podo dicir que gozo con todas e cada unha das cancións non só da orquestra na que canto, senón das orquestras en xeral. Encántame aproveitar o meu tempo libre e ver os meus compañeiros actuar, e por suposto bailar!

A túa carreira profesional pasou por saír de Galicia. En que formacións estiveches?

– Cando optei por marchar de Galicia estaba pasando por un momento de esgotamento musical no que necesitaba darme un descanso. De feito, marchei para terras alacantinas esquecéndome por completo, non só da música de orquestra, senón tamén incluso dos grupos rock/heavy. Pero é obvio pensar que se se ten tanta paixón pola música é como un virus. Aínda que tomes un tempo de espera, segue latente no teu interior. De tal forma que me xurdiron posibilidades por aquelas terras. As orquestras por aqueles lugares traballan a un nivel inferior que en Galicia, de forma que cando fun a un casting para unha delas a verdade é que inmediatamente me ofreceron actuar con eles.

Era unha orquestra de baile da zona litoral de Alacant, ATHENAS, que mesturaba música de baile de sempre con cancións moi roqueiras. Acudín a outras probas de orquestras pero non eran do meu interese. O feito de que alá sexa obrigado compaxinar a orquestra con outro traballo fixo que pensase na miña decisión ás poucas semanas. Entre o traballo e a música a penas lle dedicaba tempo á miña vida privada, e iso pasoume factura. Cando lle presentei ao xefe a idea de deixalo quedou bastante sorprendido. Non quería que deixase por nada do mundo pero a miña decisión era máis que tallante.

Ao estar atravesando unha difícil situación, presenteime a un casting para ser integrante dun grupo de rock/heavy, IN PENA. As probas paseinas moi por enriba do resto de candidatos procedentes de distintas partes da comunidade. Recoméndovos encarecidamente, se tedes oportunidade, de escoitar algo destes fantásticos musicazos.

Como dicía o noso disco, foi “como nacer de novo”, e débolles moito por todo o tempo que pasamos xuntos nos escenarios, nos ensaios, e polo ben que me acolleron. Pero diferenzas musicais obrigáronnos a tomar camiños separados meses máis tarde. Esta foi a miña traxectoria musical lonxe de terras galegas.

– Que diferenzas principais establecerías entre un grupo de rock e unha orquestra, profesionalmente falando?

– Ao tratarse do meu estilo preferido, facer música rock/heavy é algo que fago sen importarme ningún outro motivo máis que o puramente musical. Síntome máis inspirado e a miña capacidade compositiva é mellor, xa que me movo especialmente por ese estilo. No profesional, digamos que as aspiracións son diferentes. Poden pasar anos ata que consigas converter un grupo de amigos en algo que che permita subsistir economicamente; digamos que ten que nacer como un hobbie e ir progresando co tempo. Pola contra, converterte nun cantante de orquestra solvente permíteche dedicarte exclusivamente a iso, ter máis tempo para a composición, o arranxo e o ensaio dos temas. A dicir verdade, neste momento da miña vida vouche confesar que gozo un 100% co meu traballo, independentemente do estilo que sexa.

– Despois da experiencia fóra de terras galegas decides volver a Galicia. A que se debeu esa decisión?

– Foi un compendio de varias situacións persoais as que propiciaron a miña volta… Principalmente foi o estar lonxe da miña familia e iso, unido a ter quedado sen traballo onde vivía e a necesidade de cambiar de aires fixeron que, ao principio un pouco de mala gana, volvese a Galicia aínda que coa firme decisión de non volver á verbena. Pero a difícil situación laboral que estamos atravesando digamos que me obrigou entre comiñas a aceptar un novo posto de cantante o ano do meu regreso, 2009, e a partir de aí volveume picar o gusanillo das orquestras.

– E volves a unha orquestra na que xa estiveras…

– Cando rematei a temporada 2009-2010 tiven varias ofertas sobre a mesa, algunhas delas obrigábanme a cambiar de residencia e era unha decisión difícil de tomar cando levas unha vida en parella e estable. Neses días recibín sorpresivamente a chamada do meu ex xefe de GALÁCTICA, que me propuxo volver cunhas boas condicións. Decanteime pola súa oferta xa que ao ter actuado con eles sabía onde me metía; el coñecía perfectamente o meu traballo e sabía que o daría todo e que non lle ía fallar; eu sabía que non me atoparía con sorpresa ningunha. E así foi. Notei varios cambios desde a miña última estancia e vin que foran para mellor; así que puxen o meu graíño de area como arranxista e cantante; e a verdade é que conseguín un bo traballo para este ano.

– Mirando os calendarios para os meses de xullo e agosto de moitas orquestras, realmente si se nota a crise. Algunhas orquestras “grandes” reduciron os días de actuación, e setembro está a ser un mes malo. Vós notades a crise ou unha orquestra máis “pequena” e asequible non a nota?

– Quitando algunhas formacións que están a funcionar realmente ben, a crise xogoulles unha mala pasada non só a formacións pequenas senón a grandes orquestras que sempre gozaron do recoñecemento da xente. Lamento a desaparición de orquestras que sempre estiveron aí, outras tiveron que cerrar durante a temporada de inverno e loitan por sobrevivir… pero estou convencido de que a entrega e o esforzo son vitais nestes momentos críticos.

Lembremos que a orquestra GALÁCTICA é unha formación que desde os seus comezos tivo unha grande importancia no panorama musical e que foi notando un pouco o paso do tempo e a creación de novas orquestras espectáculo. Tras algúns cambios na dirección desta faise máis difícil reflotar unha empresa e máis nos tempos que corren. Pero eu estou convencido de que o éxito dunha orquestra vai máis alá das súas capacidades económicas. Por suposto que contar cun bo capital equivale a vender mellor un espectáculo, pero eu son dos que está convencido de que con simpatía, alegría, garra, demostrar que realmente che gusta o que fas, e por suposto un bo repertorio para todos os públicos son varios alicientes que condicionan a popularidade dunha orquestra. Para unha persoa coma min, todos os detalles que concirnen á imaxe, entrega e promoción dunha orquestra son sagrados.

É de eloxiar especialmente o esforzo de todas as comisións de festas e de toda a xente por lle seguir dando vida a unha tradición preciosa na nosa terra, as festas verbeneiras, e que non queremos que desapareza endexamais, por moita ou pouca crise que haxa. Temos un fantástico mercado de espectáculos de orquestra que compite como un dos mellores no panorama nacional.

– Cales son as principais armas da orquestra GALÁCTICA? Por que deberían ter en conta as comisións de festas esta formación musical? Que nos ofrece GALÁCTICA?

– Falo como vocalista e ao mesmo tempo arranxador musical; na miña opinión GALÁCTICA este ano ofrece un amplísimo repertorio de máis de 4 horas de duración no que teñen cabida todo tipo de estilos e bailes, tendo ademais un extra de máis dunha hora de temas de rock para os públicos máis esixentes. A nosa política consiste en ter sempre quel tema que nos piden nun momento determinado, sexa cal sexa. Desde o meu punto de vista temos unhas constantes que sempre respectaremos: desde o primeiro minuto no que saltan os cantantes ao escenario todo é dinamismo a un ritmo trepidante, sexa cumbia, merengue, música disco, rock, pasodoble, copla… Sabemos prefectamente que á xente lle gusta bailar por enriba de todo, de tal forma que evitamos incansables discursos entre canción e canción para centrarnos principalmente na música. Iso non quere dicir para nada que non fagamos partícipe do espectáculo ao púiblico asistente, sempre mostramos a nosa simpatía e cariño desde o primeiro momento o que, unido a grandes voces, ten como resultado unha formación que gusta ver actuar, cun excelente son e presentación no escenario. O humor nas nosas actuacións é outra característica, constantes cambios de vestimenta e varias sorpresas máis engádense a unha lista de ingredientes que sen dúbida están dando que falar este ano.

– Ti que coñeces a realidade das orquestras galegas desde hai tempo; vindo de fóra, como ves o panorama actual das nosas formacións?

– A verdade é que notei un antes e un despois. Cando marchei de Galicia, digamos que as orquestras galegas presumían dunha maior variedade de estilos nos seus pases de baile, cousa que me sorprendeu botar en falta á miña volta, cando vin que esa dinámica cambiara para centrarse case que exclusivamente en bailes latinos. Despois da sorpresa inicial, comprobando que era a tónica xeral nas orquestras, fun vendo que hoxe en día se coidan máis os detalles con respecto de épocas anteriores. Tamén cando marchei, non eran tan habituais os escenarios nas orquestras como o son hoxe, co cal se ve unha imaxe distinta.

A pesar da crise, e nos dous anos que levo de novo por Galicia, vexo unha mellor imaxe na maioría das orquestras e maior investimento nos seus espectáculos. En cuestións de espectáculo gustaríame destacar por exemplo a orquestra OLYMPUS, que me sorprendeu bastante, tanto polo atractivo do seu escenario como polas súas actuacións entretidas. Musicalmente tamén vexo bastante fortaleza individual. Eu creo, e estou convencido diso, que este mercado seguirá moi vivo co paso dos anos, por que, que sería unha festa sen orquestra? Para a xente de a pé que visita cada verbena é unha oportunidade única de presenciar música en directo e gratis, todo un luxo.

orquesta-galactica-2010-kerry-varella-3– E ti que prefires, orquestra de baile clásica, de espectáculo ou unha combinación?

– Neste sentido síntome moi orgulloso de considerarme un cantante multiterreo. Na miña longa carreira tiven oportunidade de cantar en infinidade de formacións con diferentes postulados. No que concirne a orquestras puiden demostrar que, se trate dunha orquestra máis moderna ou máis clásica, son capaz de adaptarme á súa dinámica. Agora, a título persoal, ao tempo que cantante considérome actor, tiven tamén os meus escarceos no cine como extra, en series de televisión e películas nacionais como Mia Sarah, de Fernando Fernán Gómez, e sempre me gustou a interpretación, de tal xeito que podo dicir que me tiran máis as orquestars espectáculo onde poida haber parodias e enfundarme en papeis determinados.

– E para mollarse un pouco máis. Quen é para ti o mellor cantante de orquestra, a mellor voz feminina e un músico que ti destacarías por algo?

– Como cantante masculino teño clara predilección por Ángel, de AMÉRICA, con gran calidade vocal en diferentes estilos. Como vocalista feminina non sabería dicirche pero gústame bastante Ruth da orquestra CAPITOL. Como músico de calidade destacaría especialmente a Pablo de AMÉRICA. Desde aquí mandolles un cariñoso saúdo.

– E cal sería para ti, nestes momentos, unha das mellores orquestras e por que?

– A nivel musical e sen dúbida quédome co grupo AMÉRICA; son uns pedazo de músicos que demostran que senten a música e a aprecian, sen demasiados adornos superficiais no que concirne a efectos de luminotecnia conseguen que o público goce das súas actuacións ao máximo, e iso é unha gran virtude que eloxia a súa posta en escena e calidade musical. A nivel de orquestra espectáculo gustaríame destacar a OLYMPUS. Vin o seu show varias veces o ano pasado e sorprendéronme coa súa fantástica posta en escena e escenario. Destacaría especialmente a montaxe que prepararon para lograr ofrecer o dueto entre Nino Bravo e o seu percusionista, para min un dos momentos estelares.

– Kerry Varella xa chegou a onde quería, musicalmente falando, ou poderémoste ver noutro tipo de formación musical no futuro?

– Son unha persoa que sempre está xerando proxectos na súa cabeza e non me gusta estancarme. Por suposto que aquí, igual que no fútbol, nunca poderás dicir “aquí quedo”, porque este mercado é altamente competitivo, hoxe estás aquí e mañá podes estar en calquera outro lugar. A nivel persoal son tamén compositor, escribo a miña propia música e tiven a oportunidade de crear bandas sonoras en curtametraxes, videoxogos, etc…, e por suposto que desde hai xa algúns anos levo maquinando un posible proxecto discográfico con cancións propias en estilos pop-rock e algún que outro tema techno. A música, se está ben feita, é toda ela respectable.

– Agora que acaba a temporada, tes previsto continuar na orquestra ou hai novos plans?

– De cara ao próximo ano hai novos proxectos que cumprir na orquestra GALÁCTICA, ademais dunha importante reestruturación a nivel escenario e musical. Foi unha temporada importante para GALÁCTICA este ano xa que vimos que o esforzo realizado pagou a pena. Gustámoslle ao público e recibimos boas críticas, o cal é bo para lle dar prestixio ao nome GALÁCTICA. Sempre hai cousas que mellorar e de aquí á temporada que vén veranse cambios importantes. O tema das negociacións sempre o aparco para o final de modo que a miña prioridade é GALÁCTICA ata que rematamos (agora en setembro), a partir de aí Deus dirá…

– De todos estes anos como integrante de orquestras e grupos de seguro que terás moitas anécdotas vividas. Pódesnos contar algunha?

– Ufff!!! Por contar podería contar centos de anécdotas, pero si me gustaría destacar unha situación que para min é envexable e que se produciu de modo casual este ano en GALÁCTICA. Dado que a miña parella reúne suficientes calidades artísticas e é moi “botada para diante”, conseguín realizar un antollo que ten moita xente, sobre todo cando en parella traballan distanciados: compartir a mesma actividade laboral. Debo recoñecer que é todo un luxo poder ter na orquestra a túa parella e que poida ser a túa primeira crítica e, por suposto, o teu fan, que o é e moito, e converter as saídas laborais nunha especie de paseo turístico. É unha situación que me encanta, poder ter a miña parella ao meu carón en cada actuación. Ela é Loly, a actual trompetista, todo un furacán que de seguro que non dubidará en presentar algún que outro número no futuro, porque o que lle sobran son agallas para poñerse a facer cousas no escenario.

– Xa estamos rematando. Como cres que vai ser o futuro das orquestras en Galicia? Cara a onde camiñamos? Cres que este boom terminará?

– Estou convencido de que teremos festas verbeneiras para tempo. Como xa dixen; que sería das festas sen orquestras? É unha ocasión perfecta para ver unha actuación en directo de calidade e de balde. Penso que se poñerán cada vez máis de moda as orquestras espectáculo e se tenderá á música en directo ao 100%, que é como debería ser.

– E como valorades desde GALÁCTICA este ano difícil?

– Notouse bastante a crise, o cal é unha pena porque nos privou de levar o nome da orquestra a un maior número de festas, pero o certo é que puidemos comprobar que estamos a un bo nivel e que, a pesar de ser unha orquestra modesta, GALÁCTICA pode ofrecer espectáculo a un nivel de orquestras de maior calibre e ter o público entretido ata altas horas da madrugada. Temos o orgullo de deixar unha moi boa impresión en todas e cada unha das verbenas nas que tivemos o privilexio de actuar, agradecendo humildemente o cariño da xente e o apoio das comisións de festas. A todos eles grazas!

– Para rematar. Podes dedicarlles unhas palabras aos visitantes de Festa a Festa?

– Quero darlle as grazas a toda a xente que leu esta entrevista, polo seu apoio á orquestra GALÁCTICA e á música de verbena en xeral. Creo que con este apoio podemos evitar que a mala situación faga desaparecer unha tradición tan de noso como un mercado de espectáculos que compite a nivel nacional con xente que se esforza para que pasedes unhas festas inesquecibles.

Espero que poidades acudir a algunha das nosas actuacións porque sen dúbida ides pasalo ben, vendo xente que goza facendo gozar aos demais. Un saúdo e grazas por todo!

orquesta-galactica-2010-kerry-varella-4

KERRY VARELLA na rede:

http://www.myspace.com/kantante_mystiko

El bLog De Kerry Varella: http://kerryvarellablog.blogspot.com
Kerry Varella en Ning: http://kerryvarella.ning.com/
Kerry Varella en Youtube:     http://www.youtube.com/user/KerrySammet
Kerry Varella en Red Karaoke:http://www.redkaraoke.es/ficha/Kantante_Mystiko
Kerry Varella en Fotolog:      http://www.fotolog.com/kantante_mystiko
Kerry Varella en Facebook:   http://www.facebook.com/kantante.mystiko
Kerry Varella en Hi5:            http://www.hi5.com/friend/p520086970–Kerry_Varella–html

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*