Cea: despois do FIOU chegan as patronais

0
238

cea-a-saleta-2010-cartel

O concello ourensán de Cea segue de festa. Despois do FIOU que tivo lugar hai algunhas semanas e congregou a recoñecidas orquestras galegas e internacionais, agora chegan as festas da Saleta 2010, as patronais, con música de primeira categoría durante catro días.

Algunhas das mellores orquestras de Galicia con música e montaxes espectaculares danse cita a partir de hoxe e ata o luns. A primeira en actuar, a PARÍS DE NOIA con grande espectáculo e repertorio bailable e moi latino onde tamén hai sitio para temas de exhibición vocal e os últimos éxitos do momento. Mañá sábado pasarán por Cea o grupo ALKAR coa súa música bailable e a orquestra ABANICO que trae dous pases moi diferentes. O primeiro deles verbeneiro a tope, con pasodobles, cumbias, merengue e temas de pachanga e baile. O segundo, unha impresionante compilación dos temas máis actuais da música pop, dance e bacalao; un pase que chama a atención polo inesperado neste tipo de orquestras. O rock contundente tamén ten cabida en ABANICO e a xente nova non para de moverse co repertorio da orquestra rianxeira.

Para o domingo, outras dúas orquestras “de primeira”, CINEMA co seu repertorio verbeneiro e un segundo pase máis encamiñado á xente nova pero mesturando sempre temas de baile, e COSTA OESTE, con temas de verbena mesturados con outros máis disco e unha posta en escena moi coidada. O ingrediente do espectáculo está máis acentuado na orquestra liderada por Javi Comesaña grazas ao novo escenario que permite poñer en escena números visuais que no anterior palco eran impensables. Gaiolas e escaleiras que soben e baixan, números de teas feitos por André Medeiros, etc…, pero sen descoidar o máis importante: a música para bailar e divertirse.

E xa para rematar as festas, o luns, outras dúas orquestras mediáticas: PANORAMA e ACHÉ. A primeira vaise repoñendo do desgrazado accidente que acabou co seu escenario e xa no novo palco, pouco a pouco van ofrecendo de novo o repertorio preparado para esta Xira do Xacobeo. Pola súa banda, ACHÉ, continúa coa súa exitosa xira Celebra la vida cun primeiro pase para todos os públicos onde predominan os estilos latinos e un segundo pase moi cañeiro onde non hai tempo nin para repoñerse entre baile e baile.

Con este cartel non é difícil que as festas da Saleta, un ano máis, sexan todo un éxito. Esperaremos novas dos nosos amigos de Cea o próximo martes, e a todos os veciños e visitantes desexámoslles unhas moi boas festas!

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*