FIOU: Non só haberá verbena

0
329

cea-fiou-2010-panel-1

Xa faltan poucas horas para que comece a cita festeira máis importante de Galicia en 2010, o Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU). Once serán as agrupacións musicais de renome que subirán ao escenario en terras ourensás durante tres días (mañá venres, sábado e domingo), pero non só haberá música de orquestra (aínda que será o principal): exposicións, coloquios e outras actividades completan o programa ambicioso en Cea.

Aquí ofrecemos toda a información das actividades complementarias:

En FIOU imos ter

  • Cartel: cinco concertos por día en tres escenarios diferentes.
  • Acampada de balde con servizos de ducha, baños, aparcamentos…
  • Exposición sobre a historia das orquestras de baile en Galicia.
  • Coloquios con músicos e expertos na materia.
  • Mercado das orquestras: camisetas, DVD, CD, libros, carteis…
  • Postos de artesanía local, alimentación e bebida, información turística, etc.

No marco de FIOU organizamos dous coloquios con oito grandes coñecedores do mundo das orquestras, que relatarán as súas experiencias e exporán as súas opinións sobre este sector clave na cultura popular galega.

COLOQUIO DA EXPERIENCIA

Será o sábado, 4 de setembro, ás 18.00 horas, na Praza do Santo Cristo de Cea.

Moderado por un ilustre da televisión en Galicia, o presentador Xosé Manuel Piñeiro, o coloquio contará coa presenza da afamada artista galega Pili Pampín, o periodista e crítico musical Nonito Pereira, o recoñecido trompetista Pepe Chine e o fundador da Orquestra París de Noia, Joaquín García Piñeiro.

COLOQUIO DO ENCONTRO

Terá lugar o domingo 5 setembro, ás 18.00 horas, na Praza do Santo Cristo de Cea.  Os poñentes abordarán a situación empresarial e a vivencia de diferentes sectores das orquestras en diversas partes do mundo.

Neste intervirán Iliana Capriles, presidenta do Club Los Melódicos; Javier Arca, representante comercial da carteira de espectáculos Lito; Cinaro Núñez, propietario e director musical do Combo Dominicano;  e Carlos Barandela, propietario de Zouma Records e Ciba Producciones de Ourense. Este coloquio será moderado por Xurxo Souto, acordeonista, cantante, escritor e locutor, comisario da exposición “A ritmo de Orquestra”, que celebramos no marco de FIOU.

EXPOSICIÓN

Cada verán os furgóns lánzanse á ruta e comeza a gran verbena de Occidente, a festa interminable. Cada baile é unha aventura, os seus protagonistas heroes.

Galicia, 4.000 núcleos de poboación -dúas festas por ano- que demandan un impresionante catálogo de orquestras.

Moito antes dos amplificadores, había baile co poder polifónico do gaiteiro.

Nos anos trinta algúns gaiteiros refórzanse cun clarinete, un bombardino ou un saxofón.  Nacen así as músicas, dos Vidales, dos Panchóns… que, tras da Guerra Civil, senten a competencia das orquestras das cidades. Moitas desaparecen, moitas adáptanse aos tempos e os Espallantes convértense na Orquestra Spallant.

Coa luz eléctrica os bailes vencen a fronteira do solpor e chegan os vocalistas.

Nos coriscos da postguerra non renunciamos á festa. A Saratoga, López Malde, Los Chicos de Jazz… levan á aldea o esplendor das big bands. Mais os invernos son duros e cómpre buscar novos escenarios. O acordeón de Diosiño chega a Finlandia, Los Españoles triúnfan en Xapón. Os Satélites no retorno de Venzuela traen ao campo da festa a música tropical, moito antes de que se inventase a palabra salsa en Nova York.

As festas acábanse!

É o retrouso dos 90. Mais, a París de Noia encabeza unha revolución. Escenarios cada vez máis grandes, máis espectáculo, máis vatios de luz.

Os tempos mudan pero a festa continúa.

Son os saxofóns de Occidente, un pobo de artistas, que ergue cada verán a súa melodía para que se deite no océano o propio Sol.

Xurxo Souto

Comisario da exposición

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*