A orquestra OLYMPUS de Negreira será a encargada de cerrar o FIOU (Festival Internacional de Orquestras de Galicia) o próximo domingo ás 01:00 horas. A formación musical acaba de sumar un novo premio ao seu currículo, e é que a web de OLYMPUS gañou o concurso posto en marcha pola nosa web amiga Galicia en Festas. A orquestra de Negreira gañoulle pola mínima á segunda candidata, PANORAMA, e en terceiro posto quedou unha páxina innovadora e atractiva, a de ACHÉ.
Este foi o segundo ano en que se puxo en marcha o concurso, o mesmo tempo que ten a páxina Galicia en Festas. Na pasada edición lembremos que a gañadora foi a web de LOS SATÉLITES. Este ano a cousa estivo moi discutida ata o último momento, tal como nos informou o webmaster da páxina web.
Festa a Festa tamén colaborou neste concurso formando parte o seu administrador no xurado. É evidente, con só visitar as páxinas finalistas, que as webs que quedaron nos primeiros postos son moi atractivas, manexables, innovadoras (sobre todo no caso de ACHÉ) e están bastante actualizadas (sobre todo a de OLYMPUS).
As webs oficiais das orquestras son un instrumento cada vez máis usado polos seguidores e a fonte máis fiable e directa de información (datas, noticias, repertorios, etc…). Este ano o premio á mellor web de orquestra de Galicia en Festas vaise para Negreira.