Unha cita irrepetible coa verbena en Cea

0
463

cea-fiou-2010-cartel-1

FIOU (Festival Internacional de Orquestras de Galicia)

Cea (Ourense), 3, 4 e 5 de setembro de 2010

Non é un titular con segundas nin deses que usamos moitas veces en plan grandilocuente. Esta vez o titular da noticia é real e realista. A cita en Cea con algunhas das mellores orquestras galegas e internacionais será unha oportunidade única que nos brinda o programa do Xacobeo: FIOU (Festival Internacional de Orquestras de Galicia).

Para un evento de tal envergadura, que encherá a vindeira fin de semana a localidade de Cea, en Ourense, contarase con algunhas das nosas mellores bandas verbeneiras, cada unha no seu estilo, como son a SINTONÍA DE VIGO, PHILADELPHIA e OLYMPUS. Outras orquestras habituais pola nosa terra como son EL COMBO DOMINICANO ou ARMONÍA SHOW tamén farán acto de presenza en Cea os días 3, 4 e 5 de setembro.

E o cartel de bandas internacionais é de luxo: ORCHESTRE NATIONAL DE BARBES (Francia/Magreb), HIPNOTIC BRASS ENSEMBLE (Chicago – EUA) LOS MELÓDICOS (Venezuela), ROY PACI & ARETUSTA (Sicilia – Italia) e os mesmísimos BILLO’S CARACAS BOYS, a mítica banda venezolana.

En catro sesións se dividirá a xornada festeira de cada un dos días en Cea, salvo o venres que non haberá sesión vermú. Ás 13:30 a primeira sesión, a vermú, ás 20:00 horas Clásicos Latinos, Orquestras do mundo ás 23:30 horas e a Verbena ás 01:00 da  mañá. O calendario de actuacións complétase cunha rave bailonga ás 02:00 horas.

E non só haberá actuacións musicais, tamén hai programadas outras actividades como coloquios, exposicións, o mercado de orquestras, etc… Para quen queira gozar dos tres días preparouse un lugar de acampada totalmente gratuíto e con todos os servizos indispensables. Para facer uso do camping hai que inscribirse na páxina web.

Na páxina web oficial poderás atopar toda a información: http://fiou.xacobeo.es

Cea, capital mundial verbeneira durante tres días.

____________________________________________________

cea-fiou-2010-publi-1

Saúda do director

E veña merengue, e a festa rachada…

Nace un novo concepto de festival, 100% galego e 100% internacional. Un acontecemento musical para os festeiros de sempre e os “festivaleiros” de agora, para os que gozan bailando coas nosas orquestras, as novas e as clásicas, e os que se queiran sorprender polo ritmo vertixinoso das mellores orquestras latinas, europeas, árabes e norteamericanas. Unha experiencia única e vibrante na que a verbena popular se viste de gala para homenaxear a todos os que fixeron posible oitenta anos de historia das orquestras en Galicia.

Pero tamén un macrofestival con todos os servizos imaxinables: carpa rave con dj’s, exposicións, acampada de balde, coloquios, mercados artesanais, gastronomía… En definitiva, a gran festa das festas galegas, unha apoloxía do baile e un regalo para os sentidos. Feito a medida para un pobo que sabe divertirse. Benvidos ao Festival Internacional de Orquestras de Galicia (FIOU).
Bailas?

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*