Gastronomía e boa música en Cis

0
545

Cis 2010 Oza dos Ríos - cartel elaboración propia

A orquestra ARMONÍA SHOW acaba de actuar nas festas coruñesas de María Pita, pero a formación musical canaria volve ser noticia en Festa a Festa xa que será o prato forte, musicalmente falando, das festas de Cis (Oza dos Ríos).

A música de salsa, cumbia e merengue, sobre todo, será a protagonista o primeiro día en Cis, aínda que non a única. O outro prato forte, e esta vez si culinario, estará constituído por mexillóns e pementos de Padrón. Xa pola súa XII edición, a do mexillón é unha celebración gastronómica plenamente asentada na localidade pertencente a Oza dos Ríos.

E por que o mexillón? Unha pregunta que lles fixemos desde Festa a Festa nunha entrevista aos compoñentes da Comisión, xa que Cis non ten porto. A resposta foi moi doada: por innovar e ser diferentes doutras moitas festas gastronómicas da zona que se basean no churrasco. O mexillón era un produto diferente do resto de propostas para organizar unha exaltación dalgun produto da terra.

Coa Festa do mexillón e a actuación de ARMONÍA SHOW non se pode pensar en mellor comezo de festas. O segundo día estará amenizado, en sesión vermú e verbena, polo grupo feminino ESTRELLAMAR e unha actuación moi especial: no descanso da verbena subirá ao escenario o humorista Lito de Arzúa.

E xa para rematar o domingo, en única sesión vermú, a agrupación CAMELIA poñerá a música para os últimos bailes en Cis. Nun campo de festas moi ben acondicionado e baixo carpa por se fallase o tempo, a localidade promete ofrecer aos visitantes o mellor das súas festas, con bo produto, boa música e mellores veciños.

Desde Festa a Festa apoiamos á Comisión polo seu traballo e recomendamos as festas de Cis como unhas das mellores desta fin de semana na comarca. Boa festa!!!

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*