Loroño: o esforzo dun lugar pequeno por facer unhas festas grandes

0
401

zas-lorono-2010-cartel

A pequena parroquia de Loroño (Zas) celebra outro ano as súas festas patronais. É só un pequeno exemplo de tantos lugares espallados pola xeografía galega que loitan todo o ano e traballan arreo para ter as mellores festas posibles.

En Loroño as festas son moi grandes, máis aínda se temos en conta a poboación avellentada das aldeas que forman a parroquia. O mesmo que a xente e a puxanza económica da man da agricultura e gandaría, as festas de Loroño ían pouco a pouco esmorecendo ata hai aproximadamente dez anos. Un grupo de mozos e mozas fixéronse cargo da comisión e as festas foron recuperando o seu esplendor paseniñamente pero sen pausa. Orquestras como GALILEA, MARBELLA, PHILADELPHIA, LA OCA ou JERUSALÉN foron pasando por Loroño estes últimos anos ata 2008.

E chegou 2008 e cumpriuse o soño dun grupo de mozos e mozas que levaban tempo traballando para poder facelo realidade: Loroño puido contar para as súas festas coa orquestra PANORAMA acompañada por VERSALLES. No pequeno campo da festa onde malamente os tráilers da PANORAMA podían manobrar montouse un festón que precisamente estes días foi moi recordado. Era insólito poder contar cunha orquestra destas características á que aínda custa traballo contratar para as festas do Concello… pero é que as de Loroño se están a converter en referencia na zona grazas ao esforzo dos seus veciños pero sobre todo da mocidade que se fixo cargo das festas.

E chegou 2009 cun cartel moi digno: unha boa orquestra, a PONTEVEDRA e o considerado grupo revelación 2009, CICLÓN, que fixeron unha noite de festa como se merecen os veciños. Os coches aparcados nos herbais próximos ao lugar da celebración, diante do adro da igrexa, podíanse contar por centos. As festas de Loroño seguían a afianzarse na súa nova etapa.

Pois no empeño de seguir ofrecendo carteis espectaculares nun lugar pequeno, este ano chega á parroquia zaense outra das grandes: OLYMPUS de Negreira acompañada do grupo TRIUNFO de Pontevedra. A noite do 24 en Loroño volverá a brillar con luz propia e a comisión de festas volverá a ver recompensado o seu esforzo por facer un cartel de altura nun ano no que a baixada de presuposto, e polo tanto de días de festa ou calidade das orquestras, é habitual en todos os concellos galegos.

Noraboa, amigos de Loroño, e grazas por ofrecernos tan boa festa!!!

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*