París de Noia abre as grandes festas do Burgo 2010

0
632

culleredo-o-burgo-2010-cartel-pequeno

Grandes en todos os sentidos, hoxe comezan as festas do Burgo 2010 (Culleredo). Unha das celebracións festeiras máis importantes da área metropolitana coruñesa. E dicimos grandes por moitos motivos: grandes son as orquestras que acoden cada ano a amenizar as verbenas, grande é o recinto de atraccións asentado no paseo marítimo do Burgo e grandes son os seus fogos artificiais o último día de festas (martes 27).

Durante seis días no Burgo vaise montar unha boa festa. Hai algúns cambios pequenos pero apreciables: o lugar das verbenas cambia timidamente de sitio e pasa do paseo marítimo a uns metros máis arriba, onde se instalaban estes anos algunhas das atraccións de maior envergadura. Supoñemos que entre outras razóns estará o feito de que o escenario da orquestra PANORAMA non cabería na anterior situación e esta nova é máis cómoda, en pleno parque do paseo.

viking-show-festas-o-burgo-2008Unha das atraccións habituais nas festas do Burgo

As atraccións que se instalaban no lugar que agora ocuparán as orquestras pasan para a avenida Xoán Carlos I, no lateral da Cros, sen ocupar a calzada. E os postos de venda que ocupaban este espazo pasan para o paseo marítimo, onde tiñan lugar as verbenas. Parece que con estes cambios se gaña en espazo para as verbenas sen restar número ás atraccións; é máis, parece que este ano hai un maior número de carruseis e aparellos mecánicos entre os que destacan os xa típicos destas festas: Saltamontes, barco pirata, Viking Show (unha plataforma voadora que eleva e pon boca abaixo ao público), Bomber (un brazo de grandes dimensións que xira a gran velocidade e alcanza os 40 metros de altura), Cyclone (un brazo circular que se move en sentido pendular ao mesmo tempo que xira a roda onde vai sentada a xente), autos de choque, dragón e un sinfín de atraccións para os máis pequenos incluída unha roda de cabaliños de madeira, tren da bruxa, camas elásticas, scalextric, carrusel, pista americana, búfalo infantil, etc… Como vén sendo habitual, o do Burgo é o recinto de atraccións máis importante da área metropolitana coruñesa.

culleredo-o-burgo-2010-programa

E en canto ás orquestras, PARÍS DE NOIA será a encargada de abrir hoxe as celebracións e a orquestra PANORAMA de cerralas o martes. Ata ese día pasarán polas festas de Santiago Apóstolo XENTE NOVA (venres), FANIA BLANCO SHOW (sábado), ALARMA (domingo) e FOLIADA (luns).

culleredo-o-burgo-2010-cartel-de-ladys1Cartel promocional de Lady’s, que actuarán o sábado no Burgo

Como sorpresa, de feito non aparece no cartel oficial, haberá unha actuación o sábado ás 24:00 horas. Trátase do grupo LADY’S, un conxunto feminino, todas elas coñecidas por seren concursantes do programa de Cuatro Factor X. LADY’S está considerado grupo revelación en Canarias.

E se a marea o permite, os fogos artificiais do martes serán tamén acuáticos. O espectáculo pirotécnico do Burgo congrega a milleiros de persoas cada ano e poñen o punto final a unhas celebracións que custan 100.000 euros. Despois dos fogos artificiais soará a música de PANORAMA, no seu segundo pase antes de que as atraccións de feira e as casetas se poñan a desmontar para coller ruta cara a novos destinos; Cambados e Ribeira estarán agardando polos “cacharriños” para celebrar as Festas do Albariño e as Festas do Verán respectivamente.

Sen comentarios

  1. Ola Blasa, efectivamente, son 40 metros, non 50 como puxen, xa está corrixido. Crucei a altura do Bomber coa Noria Sánchez que pasa dos 50. Aínda que a sensación de altura parece maior no Bomber debido quizais a que se move a gran velocidade. Tiven ocasión de subir hai tres anos e a sensación é impresionante. Saúdos!!!

Deixa unha resposta


*