Nin botellón nin carallada, en Camelle hai festa rachada!

0
487

camarinas-camelle-espirito-santo-2010-cartel1

Esta fin de semana hai festa en Camelle; son as patronais. Pero neste pequeno lugar mariñeiro teñen outras moitas celebracións e chama a atención que nunha vila do seu tamaño haxa máis festas ca noutros lugares moito máis grandes. Ademais, non son unhas festas de nivel baixo a xulgar polas orquestras que normalmente actúan alí. Para coñecermos un pouco máis como son as festas de Camelle e como se amañan para poder ofrecer un bo cartel ano tras ano, imos falar hoxe coa presidenta da Comisión de Camelle, Perla Vázquez, a poucos días de que dean comezo unhas das festas máis importantes na vila de Man…

camarinas-camelle-carme-2009-fotoImaxe tomada nas festas do Carme de Camelle en 2009

ENTREVISTA A PERLA VÁZQUEZ SÁNCHEZ, PRESIDENTA DA COMISIÓN DE FESTAS DE CAMELLE

-Cal é o principal problema co que se atopa hoxe en día unha comisión de festas?

-O problema máis grave co que nos encontramos é sempre o económico. É moi dificil nunha vila pequena como Camelle poder organizar estas festas.

-Como facedes para xuntar os cartos para as festas?

-Pedindo polas casas dos veciños de festa en festa, case que xa non saímos das súas portas, porque aínda ben non acabamos cunhas festas e xa empezamos con outras e traballando todo ano.

-En Camelle tedes varias festas anuais. Estas son as primeiras pero hai máis…

-Si, as primeiras xa as temos á porta, son esta fin de semana, 21, 22 e 23 de maio. Son as nosas festas patronais na honra do Espírito Santo; pero despois temos outras moi sonadas, os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto; son as do Carme, as festas que máis se viven en Camelle ao ser un lugar mariñeiro. Os días 4 e 5 de setembro aínda temos outras, as do Sacramento, e o 25 do mesmo mes as de San Miguel. Como vedes aquí a comisión non nos aburrimos para nada, hai moito que facer.

-É raro ver a unha muller como presidenta dunha comisión de festas. Isto parece que cambiou ultimamente porque na Coruña tamén hai unha comisión formada exclusivamente por mulleres… cal é o teu traballo dentro da Comisión de Festas?

-Eu coido que agora xa hai máis mulleres das que se pensa nas comisións, nesta somos todas mulleres. Eu encárgome de todo o papeleo, os permisos, as subvencións. Tamén me encargo dos chiringuitos e das atraccións, e de case toda a organización sempre contando coa opinión das miñas compañeiras. E despois, os días da festa, fago de todo: pedir, vender, traballar na taberna…

-E como compaxinas todo isto co teu traballo e coa túa familia?

-Para min o do traballo é un pouco complicado, teño panadería e pastelería, pero trato de non deixar nada para última hora, porque eses días teño moitísimo traballo. Aínda así son a encargada de ir colocando as actraccións e as orquestras nos seus sitios e mirar que todo vaia ben, algo que fago entre tarta e tarta.

Coa familia lévoo ben; os meus fillos xa son grandes e están estudando fóra.

-E colaboran ben os veciños ou nótase a crise para organizar as festas en Camelle? Porque traer a Panorama son palabras maiores á hora de pagar…

-Aquí o pobo estase a portar moi ben pero a crise si que se está a notar, e o problema é que as orquestras boas aínda están a subir os prezos, cada ano son máis caras.

-Que outras actividades organizades á parte das festas?

-Facemos actividades culturais diversas, Entroido, a festa da palilleira, o magosto e as festas no Nadal…

-E hai colaboración por parte do Concello de Camariñas?

-Aínda vai axudando, non podemos queixarnos.

-Por Camelle xa pasaron algunhas das consideradas orquestras grandes e este ano tócalle á Panorama…

Si, fai xa catro anos que está contratada. Non é fácil traela ao ser as nosas festas sempre en fin de semana.

Orquesta Panorama 2010 cartel

-E tamén actuará o grupo Ciclón. Estes veñen bastante a Camelle, por que cres que gusta tanto esta formación na vosa vila?

-Penso que é porque son moi abertos coa xente e eu quedo asombrada, porque a maioría do pobo nos di que non poden faltar xa nas nosas festas. Na xuventude penso que isto é normal porque o segundo pase é moi cañeiro, pero o curioso é que a xente maior tamén a pide. Temos unha relación moi boa co grupo porque confiamos neles dende a súa fundación, moita xente coñeceunos aquí e dúas veces ao ano traémolos sempre. E á parte disto a xente de Camelle ségueos por moitos sitios e apóiaos.

-De todas as orquestras que pasaron por Camelle todos estes anos, cales destacarías?

-É imposible nomealas todas, pasaron moitas. As que máis gustaron foron Olympus, París de Noia, Ciclón, Jerusalén, Televisión, Alarma, Nueva Generación, Manila, La Bámbola, o grupo Jocker e moitas máis; a verdade é que case todas as que estiveron aquí quedaron ben.

-Estes últimos anos parece que houbo un rexurdir das festas, como ves ti, desde dentro dunha comisión, o futuro das nosas festas populares?

-Complicado, penso que cada vez hai menos xente que se queira meter nunha comisión. E iso que agora a xuventude está vindo cada vez máis ás festas.

-Que lles dirías aos visitantes de Festa a Festa que lean esta entrevista?

-Que os invito a todos a que veñan disfrutar con nós destas festas; seguro que o ides pasar moi ben; somos unha xente moi aberta e facemos que aquí ninguén se sinta forasteiro. O noso eslogan:

NIN BOTELLÓN NIN CARALLADA, VINDE A CAMELLE QUE HAI FESTA RACHADA!!!!!!

Quero agradecerlle a Perla publicamente que nos concedese a entrevista e nos dedicase o seu tempo na semana das festas, cando todo é pouco, ultimando os detalles para as celebracións e atendendo o seu negocio, que estes días ha de estar a rebosar de clientes. Moitas grazas polo teu tempo e que as festas vos saian como merecedes: impresionantes!

Sen comentarios

  1. Animada, festeira,variada,e, por riba de todo, convida a participar nas festas do país que pertencen á idiosincrasia dos galegos dende hai tempo.
    Parabéns ao autor da entrevista que de xeito altruñista contribúe a mergullármonos nos festexos populares da Galiza máis populista.

Deixa una resposta a Ángeles Cancelar resposta


*