Breamo, unha romaría que saúda e despide o verán

0
359

pontedeume-romaria-de-breamo-2010-cartel

SÁBADO 8 DE MAIO, ROMARÍA DO BREAMO (PONTEDEUME)

Esta famosa romaría ten lugar en Pontedeume e consiste na peregrinación ata o cume do monte Breamo (303 m.) onde se atopa a igrexa románica de San Miguel, unha das máis fermosas da bisbarra. Alí celébrase unha festa tanto eclesiástica (na honra de San Miguel) coma pagá dúas veces ao ano. A primeira vez realízase en maio e a segunda a finais de setembro. Festas que serven para que os eumeses lle dean a benvida ou a despedida ao verán.

Desta volta toca a benvida, o sábado 8 de maio entre son de gaitas e nunha paraxe envexable tanto para ir ese día como para organizar unha camiñada calquera outra data do ano.

ACTUALIZACIÓN

A meteoroloxía estragou esta bonita romaría. A participación viuse reducida por mor do tempo. É un tanto contraditorio facerlle unha festa de benvida ao verán entre paraugas, zapatos cerrados e refachos de vento e auga… pero o tempo é así e non foi a de Breamo a única festividade que se viu afectada.

O vindeiro ano a romaría eumesa cadrará a domingo e se desa volta o tempo o permite, a participación ha de ser moi alta. Pero antes diso terá lugar a segunda romaría de 2010, a da despedida, no mes de setembro. Agardamos que para daquela o tempo se porte mellor.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*