S.O.S. en Arteixo

0
473

Boomerang - Festas de Arteixo 2007Unha das atraccións das pasadas edicións das festas patronais de Arteixo /© foto roxegar

As festas patronais de Arteixo, o Apóstolo, están en serio perigo. E non son as únicas; outras que teñen lugar no corazón do concello, as das Flores, tamén. A falta de comisión organizadora apunta a que, se as cousas non cambian, este ano en Arteixo non haberá festas na capital do concello.

A alcaldesa de Arteixo amosa desde hai xa tempo preocupación porque ninguén se presenta para formar unha comisión que leve a cabo a organización das Festas das Flores (última fin de semana de maio) e Apóstolo (as patronais, na semana do 25 de xullo).

A alcaldesa tamén opina que o Concello non se debe facer cargo da organización directa das festas para non discriminar o resto de festividades nas distintas parroquias (Uxes, Vilarrodís, Lañas, Monteagudo ou Oseiro entre outras). O que si hai reservada é unha partida en concepto de subvención tanto para as Flores como para o Apóstolo, igual que para outras celebracións no concello. E así as cousas, dado que faltan menos de dous meses para a data das Flores e que xa é moita hora de contratar as orquestras, de momento dúas das festas máis representativas da vila non se celebrarán.

As festas do Apóstolo caracterizáronse todos estes anos polo cartel de orquestras, as consideradas mellores do momento, e un gran concerto a noite do 24 de xullo. Xa o último ano baixou o cartel tanto en calidade como en número de orquestras e non se organizou o tradicional concerto da véspera do Apóstolo. Aínda así, en 2009 pasaron por Arteixo formacións como PANORAMA, CICLÓN ou a PARÍS DE NOIA, cousa que este ano parece que non se repetirá, xa que aínda no caso de que alguén se decida a organizar as festas de 2010, a gran maioría de orquestras xa estarán ocupadas por esas datas; e é que estamos a falar dunha das semanas máis importantes do verán.

Non perdamos a esperanza de que alguén queira organizar as festas arteixás, das que non só gozan os veciños do concello senón que son reclamo para moita xente procedente doutros lugares, sobre todo da Coruña, que escollen eses días entre as festas de Arteixo e outras das máis importantes por asistencia de toda a área metropolitana: as do Burgo, en Culleredo.

Esperemos que este ano, coma sempre, as festas do Burgo sigan a ter un forte rival: o Apóstolo de Arteixo.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*