Lendas douradas con Silvia Ferre

0
779

Silvia Ferre_2010_01.JPGENTREVISTA A SILVIA FERRE CASAR

Sábado noite, Compostela. Estou ansioso porque empece o concerto de Roi Casal e a súa banda. E teño ganas de ver a Silvia, a que fora voz de GRAN PARADA e MIRAMAR (e doutras ás que non cheguei). Fóra vai un frío que pela…

Pero dentro a temperatura é outra. Roi e compañía foron quen de crear un ambiente cálido en contraste coa xeada do exterior. E alí está ela: Silvia. Voz, interpretación, presenza, simpatía… ségueo tendo todo, igual que no escenario da GRAN PARADA hai xa uns anos. Deses tempos de verbena e destoutros de concertos imos falar con ela, non sen antes agradecerlle toda a colaboración prestada para que esta entrevista sexa posible.

A verdade é que foi unha noite redonda. Gustoume o concerto, gustoume coñecela e gustoume cerrar a xornada en terras compostelás; boa mesa e mellor compañía… por desgraza estas noites non son moi frecuentes. Saúdos a tod@s e espero que vos guste a segunda entrevista en Festa a Festa.

[flickrset id=”72157623567269681″ thumbnail=”square”]

Clica nas imaxes para velas a tamaño grande na nosa galería de Flickr / Fotos: © roxegar / festaafesta.tk Todos os dereitos reservados

– Cando empezaches a sentir interese pola música?

– Realmente o meu interese pola música é desde que era moi pequena. Ademais, cando ía medrando, compartía estudos e cantaba na Agrupación Artística La Felguera (Asturias), co meu irmán Jorge. Alí foi onde comezou tamén el. Cando rematei os estudos a miña pretensión era facer en Madrid arte dramática pero… os ingresos dunha familia traballadora non dan para pagar esa clase de estudos.

– Asturiana de nacemento, cando decidiches vir para Galicia?

– Con 22 anos acabados de cumprir xa cantaba algo en Asturias, sobre todo para asociacións de amas de casa. Unha orquestra tivo un percance coa cantante e a través dunha amiga doutra amiga chamáronme e presenteime en Ponteceso. A orquestra chamábase Imperial (que non é a que actualmente está no mercado). Quedei alí todo un verán e a formación disolveuse en outubro. Grazas a meu irmán que falou con Lito [de Espectáculos Lito], entrei en Mayel y su orquesta en febreiro de 1995.

– E xa quedaches en Galicia ata hoxe…

– Si, empecei en Asturias nunha agrupación artística onde había grupos de todas as clases, sevillanas, baile tradicional, cantantes de copla e de aí á orquestra de Ponteceso.

– E de Imperial a outras con gran renome. De cal gardas mellores recordos?

– Realmente de todas. Os meus comezos foron en Mayel y su orquesta, e tiven que aprender a facer voces e cantar todo tipo de cancións. Recordo os compañeiros de tres anos de andanzas polo mundo das verbenas que me coidaron moito… eu era a única muller. Da orquestra Gran Parada teño innumerables recordos bonitos. O mellor de todo @s amig@s que día a día viñan ver a orquestra. Aínda é hoxe o día en que estou nos seus corazóns e eles no meu. Teño que facer unha mención especial a Juanjo e a José Manuel (orquestra Abanico), compañeiros de tres anos dos cales adquirín moitos valores para a miña vida diaria. Durante a miña etapa en Gran Parada dei todo polo traballo e polo público que viña vernos. Despois chegou a orquestra Compostela, onde coñecín outro tipo de festas, xa que pertence a outra oficina, pero a “onda” de música era parecida á que fixera anteriormente. Por último chega a orquestra Miramar á miña vida. Coñecer a Alfonso e á xente que estaba na orquestra foi marabilloso; conservo unha grande amizade, sobre todo con Mónica Santiago e Alberto Gondar, que me ensinou moitísimas cousas sobre presentacións e postas en escena que fixeron que me soltase a falar un pouco máis co público.

Silvia Ferre_2010_13.JPG

– E de todos estes anos de traballo… podes dicirnos que é o máis difícil de levar cando se traballa nunha orquestra?

– Sen dúbida os horarios. Chegas tarde, dormes pouco, a vida social redúcese á noite.

– E o máis gratificante?

– O público.

– De entre todo o repertorio que tiveches que preparar nos teus anos de profesión, que tema che resultou máis difícil?

– Ufff, os temas en inglés [Risas].

-Fóra do traballo, que música escoita Silvia Ferre? Cales son os teus gustos musicais?

– Escoito de todo un pouco; son bastante melómana. Gústame a música en español porque como cantante quero saber o que din as letras. Eu quedo con Pasión Vega, Pastora, Soler, Martirio, Sole Jiménez…

– E como é un día calquera na vida de Silvia Ferre?

– Pois moi normal. Traballo de luns a venres nunha empresa e a fin de semana dedícoa ás miñas cousas, a min, a escoitar música, traballar en proxectos que teño en mente… e tamén un pouco de sofá.

– Deses proxectos falamos deseguida. Agora cóntanos algunha anécdota curiosa ou divertida que lembres do teu paso polas orquestras.

– Sempre me caractericei por ser moi aberta coa xente, sobre todo cos matrimonios, dado o estilo de música que acostumo a cantar. Pois algúns deles chegaban a traerme a comida en tuppers para que ao día seguinte me levantase e non tivese que cociñar, leitugas, cebolas… [Risas] A horta na casa! Hai un matrimonio en Bertamiráns (Carmen e Luis) que viñan moito a verme e ela me traía ramos de flores do seu xardín.

– Na túa familia hai outra persoa que traballa en orquestras, Jorge. Como é a túa relación con el?

– Estupenda. Adoro o meu irmán, como familia e como artista. Gran voz no mundo do baile das verbenas de Galicia e norte de España. De feito el foi quen falou co meu pai para que me deixase cantar.

– Podes darnos un defecto e unha virtude de Silvia Ferre?

– Defecto, impulsiva e virtude, sensible ao 100%.

Volvemos á Silvia cantante… Despois de traballar durante anos nas orquestras das que nos falaches dáslle un xiro á túa carreira profesional e pasas a formar parte do grupo de Roi Casal. A que se debe o cambio?

– Pois un día pensei que me gustaba moito cantar en galego e puxen un anuncio na Internet. Nel poñía que estaba interesada en formar parte, xa fose como profesional ou afeccionada, dun grupo deste estilo. En agosto de 2007 o meu desexo cumpriuse; chamáronme para facer unha proba para Roi e envieille un tema… seleccionoume e así empezou todo. En decembro gravamos o disco e un DVD e entón decidín ir por outros camiños e abandonar as orquestras, buscar un traballo “normal” e actuar en sitios distintos daqueles onde o fixera antes: teatros, auditorios…

– Que diferenzas básicas atopas entre traballar nunha orquestra como, por exemplo, Gran Parada e un grupo como o de Roi Casal?

– Principalmente o tempo de actuación, os cambios de roupa, a música que cantas e os instrumentos que entran nesa música. Pasei de ritmo + metais a arpas e violín. Nas orquestras o repertorio baséase en cumbias, merengues, pasodoble… o folk ten outro estilo.

– A min non me tes que convencer porque xa vos vin e foi unha actuación incrible, pero para quen non coñeza o grupo, porque recomendarías ir ver unha actuación vosa? Que nos ofrecen Roi Casal e a súa banda en directo?

– Música fresca tradicional con toques pop/rock con letras e música traballadas desde o corazón, escritas por Roi Casal.

– Será posible verte de novo nalgunha orquestra de Galicia no futuro ou ese camiño xa está cerrado definitivamente?

– Nada está cerrado. O mundo dá moitas voltas.

– E sería posible verte co teu irmán no mesmo escenario?

– Encantaríame compartir traballo co meu irmán… sería outro soño feito realidade.

– Que orquestra actual escollerías como a túa preferida? E que vocalistas?

– Polo estilo que me caracteriza, escollería a Abanico ou á Sintonía de Vigo, orquestras de música de baile.

Vocalista masculino: O meu irmán Jorge (Panorama).

Vocalista feminina: Ufff, teño moitas que me gustan… Vanessa (Cinema), Olga (Miramar), etc…

– Como ves o futuro das orquestras en Galicia? Pensas que este “boom” actual é momentáneo ou seguirá no tempo?

– Non sei se se chegará a entrar nas festas en helicóptero [Risas], pero o camiño que vexo vai cara ao espectáculo-musical, traballando moito as postas en escena, aínda que eu persoalmente me quedo coas orquestras que fan música de baile, que para iso están as festas de Galicia; vas á verbena bailar aínda que tamén vaias mirar… eu prefiro menos infraestrutura e máis baile. O mundo das orquestras é coma calquera outro mundo, …cíclico.

– E agora si que imos falar deses proxectos futuros de Silvia Ferre.

– Agora, á parte do traballo na empresa, teño un proxecto que se chama PASIÓN POR LA COPLA, cun compañeiro excelente, Carlos Martín (ex compoñente da orquestra Montes). Estamos traballando para levar a teatros a copla e o bolero, mesturado con sonoridade jazz, pero iso será de cara ao verán.

– Espero que saia moi ben ese proxecto. Xa para acabar, podes dedicarlles unhas palabras aos visitantes de Festa a Festa?

– Agradecer a toda a xente que entra e se informa das festas de Galicia en Festa a Festa; porque teñen que existir persoas que fagan estas cousas para dar información de algo que temos aquí, xa que no resto de España non se viven as festas como en Galicia.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*