A Festa da Chuvia 2010, en Ribeira, onde se non?

0
433

ribeira-festa-da-chuvia-2010-cartelCartel da nova edición da Festa da Chuvia, en Ribeira este sábado

Xa chega unha nova edición da Festa da Chuvia na capital do Barbanza, Ribeira. Malia o nome, a cita festiva non é só unha festa popular das tradicionais, para iso xa temos as do Verán, a de Santa Uxía ou a Dorna… A da Chuvia é un festival que ten a súa historia e que se foi afianzando no calendario ata se converter nunha das principais ofertas festivas da temporada en toda a comarca e que leva implícito, ademais, outro tipo de actividades lúdicas e culturais.

O festival ribeirense conta xa conta con 8 anos de traxectoria ininterrompida. Desde a súa aparición en 2002, foise organizando ano a ano en distintas datas, ampliando o seu formato e duración, e brindando unha oferta musical variada. Será na 5ª edición cando se dá o salto a gran formato de festival e se establece de forma definitiva a súa celebracion, o sábado anterior á Semana Santa, coincidindo así este evento ao redor da primeira lúa chea da primavera boreal, e pasando a ser un punto de referencia musical no Barbanza.

A historia da festa está marcada dende os seus comezos pola protesta e a reivindicación de novos espazos nos que desenvolver as variadas expresións artísticas que engloba, a loita directa polas inxustizas cometidas cos músicos na rúa, a difusión da cultura baixo a consigna de liberdade de expresión, e o posicionamento férreo en pro da arte e das súas múltiples manifestacións. En resumo, unha loita continua na procura dunha identidade con obxectivos claros
que caracterizan o festival e lle dan forma e cor a esta festa.

Un total de oito edicións con contidos e obxectivos claros e definidos que ano a ano se foron incrementando, como a participación de varios músicos de ámbito local, autonómico e nacional; a animación de rúa, sempre presente; a gravación en audio e vídeo das bandas participantes, coa súa respectiva divulgación; a creación dun entorno artístico interdisciplinar onde lles dar cabida a todo tipo de talleres e actividades; e a implicación social, levando a cabo propostas de reciclaxe como o uso de vasos ecolóxicos, para a conservación do entorno da festa e a concienciación social con respecto do medio ou propostas de recuperación gastronómica, elaborando receitas tradicionais que se poden degustar na festa.

Cun espírito emprendedor, os organizadores da festa elaboran ano a ano un programa variado e novo, onde se atopa calidade musical e espectáculo cargado de frescura e imaxinación, facendo ao público participe da festa con distintas propostas como por exemplo deseños gráficos para cartelería.

Chega unha Chuvia en clave de Sol Maior, grande, abundante e chea de cor.

PARTICIPA!!!

PROGRAMA COMPLETO:

Ás 13:00 horas: a Chararanga “OS JALOCHOS” e “OS CABEZUDOS DOS PINCHEIROS”, farán honor ao seu nome,e discurrirán polas rúas e ruelas da Novena.

Ás 16h: Na Avda. do Malecón, xunto ao Palco de pedra, para pequenos, medianos e grandes tamén… Obradoiros, dinámicas e xogos populares organizados pola Asociación C. Trapallada:

-Taller de maquillaxe.

-Taller de globoflexia.

-Taller de abelorios.

-Taller de pintado de camisetas (trae a túa camiseta da casa ou merca unha camiseta da festa e colabora a sacala adiante).

CONCERTOS NA PRAZA DE VIGO (RIBEIRA):

-21.00 horas: ULTRÄQÄNS

-22.30 horas: OS TREBÓNS

-00.30 horas: INLLORFEIS

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*