O lugar de Adragonte, en Areas (Paderne), estará de festas o vindeiro sábado. A cita festeira vai camiño de converterse en obrigada neste municipio da zona betanceira. Este ano vai xa pola IV edición.
A gran churrascada e a actuación dunha orquestra de renome son as cartas coas que xogan en Areas para a celebración do xa popular encontro. A partir das 20:30 terá lugar a gran churrascada e a partir das 23:30 a actuación da orquestra OLYMPUS de Negreira.
En Areas son fieis a OLYMPUS, tratan cada ano de que sexa esta mesma formación musical a encargada de amenizar a gran verbena que xa é famosa na redonda. Coa orquestra de Negreira a música e o espectáculo están asegurados e este ano non vai ser menos: novos integrantes e novo repertorio. Ademais, a orquestra regresa dunhas mini vacacións polo que traerán as pilas ben cargadas e moitas ganas de “quedarse” co persoal.
No campo da festa haberá unha gran carpa con climatización. Á parte disto, tamén haberá mesas e cadeiras para que o público poida degustar o churrasco o máis cómodo posible. Con esta infraestrutura, bo produto para cear e boa música para bailar, o vindeiro sábado o festón vaise apoderar de Areas. É a primeira gran cita festeira do ano na zona.