Cambios e máis cambios no grupo Springfield

0
164

grupo-springfield-2010-cartelCartel do grupo Springfield para 2010 que agora terá que ser actualizado coa nova fichaxe: Daniel Pico

Parece que o grupo compostelán SPRINGFIELD non dá asentado o seu cadro de persoal de cara á temporada 2010 pois de novo hai que falar de cambios na formación musical. Aínda así, esta última incorporación estaba “cantada” ao abandonar a banda un dos vocalistas, Miguel Vázquez.

Mediante comunicado oficial na súa páxina web, o vocalista despedíase, hai unha semana, dos simpatizantes de SPRINGFIELD e anunciaba a súa incorporación á orquestra D’NOCHE. Segundo el mesmo afirmaba no comunicado, as súas perspectivas profesionais aconsellaban este cambio de formación musical. Era cuestión de tempo coñecermos o novo integrante do grupo compostelán.

E aquí está: chámase Daniel Pico e estréase en SPRINGFIELD como vocalista aínda que a súa traxectoria en orquestras e grupos é longa como músico detrás dunha batería. Traballou en formacións como CIUDAD DE PONTEVEDRA ou o grupo XALLAS entre outras.

SPRINGFIELD caracterízase por ser un grupo que traballa de forma independente, sen estar atado a ningunha axencia; e en canto ao estilo que impera na formación musical, en palabras de Vero Sabel, vocalista, “esta temporada queremos darlle un toque máis xuvenil ao grupo do que viña sendo ata agora”, obxectivo que conseguirán coa axuda da nova incorporación.

A fichaxe de Daniel Pico é a terceira no que vai de temporada sobre a mesma praza. O primeiro en entrar en SPRINGFIELD a finais de 2009 foi Juanma, posteriormente se anunciou o cambio deste por Miguel Vázquez, procedente do grupo TROCO e, supoñemos que á terceira vai a vencida, Daniel Pico ocupará a dianteira xunto con Danny Pazos e Vero Sabel.

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*