O Gene Kelly galego da orquestra Panorama

0
613

orquesta-panorama-2010-gravacion-video-o-groveUn momento da gravación dunha das escenas musicais que se proxectarán na xira 2010 da orquestra Panorama. Lito interpretando Singin’ in the rain /Fotografía: Muñiz – Faro de Vigo

A orquestra PANORAMA grava no Grove varias escenas de musicais famosos para utilizar na nova xira 2010.

Todos pensando en que a PANORAMA estaba de vacacións e nada máis lonxe da realidade. A recoñecida orquestra está xa preparando o novo tour 2010, a Xira do Xacobeo e, coma sempre, con múltiples sorpresas. Á localidade do Grove desprazouse a formación musical (aínda que algúns compoñentes só tiveron que saír do portal da casa xa que viven nesta vila) e tamén o equipo de traballo do produtor, director e realizador Óscar Fraga, alias Virvi, para realizar unhas escenas que se incluirán no novo espectáculo. Para iso foi preciso cortar rúas e recorrer a policías e bombeiros ante multitude de curiosos que non están afeitos a ver na localidade mariñeira este tipo de traballos de gravación.

O Grove converteuse así nun gran plató de cine onde foi posible ver a Gene Kelly en Singin’ in the rain [Cantando baixo a chuvia]. Pero non só a este senón a outros moitos e imaxinarios actores e actrices mundialmente recoñecidos pero que non saen á luz para non desvelar a sorpresa. PANORAMA volve a incluír cine musical no seu espectáculo, igual que o fixera xa en 2008 no seu All Stars Tour cun espectáculo de Disney que fora moi ben acollido polo público.

Desta volta o traballo está realizado e dirixido por Virvi Fraga, a quen se lle encargou a supervisión da nova xira. En palabras do realizador grovense, a encarga é “un espectáculo interactivo que vai sorprender os admiradores desta orquestra e incluso a aqueles que non coñezan o seu traballo, se é que queda alguén”.

Para a gravación, a xornada de traballo dividiuse en dúas partes: pola mañá no Gran Hotel La Toja e pola tarde, na rúa Luis Casais. Nestes lugares gravouse toda unha serie de imaxes de animación para proxectar nunha pantalla xigante no novo escenario da orquestra.

E se a gravación tivese sido na pasada semana non farían falta os bombeiros para botar auga a mangueirazos e así simular a chuvia, pero o tempo é caprichoso e deste xeito foi necesaria a chuvia artificial para que o Gene Kelly galego, Lito Garrido, puidese realizar os pasos case exactos de Singin’ in the rain.

Comeza a perfilarse a nova xira da orquestra PANORAMA, e parece que o efecto sorpresa e innovador continúa unha temporada máis da man desta formación musical e da súa cabeza pensante, Lito, que nunca, nunca está de vacacións.

http://i219.photobucket.com/albums/cc268/SenatorJeffSmith/image-1.jpg?t=1207418796

Gene Kelly, Singin’ in the rain (1952)

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*