Trinta anos de verbena que se apagan

6
333

orquesta-super-combo-2009-cartelA orquestra Super Combo de Ourense cerrou 30 anos de historia. Xa é definitiva a súa disolución

Poucas orquestras quedan en Galicia que superen os 30 anos de historia. A maioría das formacións musicais hoxe míticas foron desaparecendo co paso dos anos; RADIO, RIAZOR, PAO, QUEIMADA, LOS CAPRIS e un bo número máis delas, as últimas: LOS SENADORES e VARIEDADES de Viveiro na anterior temporada. Outras cambiaron de nome (como LAMAS LAPIÑA, hoxe LAMAS, LOS GEMELOS Y SU ORQUESTA, hoxe LOS PRÍNCIPES ou GRAN PEÑA, hoxe GRAN PARADA) ou trocaron noutra formación distinta (actualmente hai un grupo en Ribeira que leva o nome da grande orquestra GALÁCTICA, ou MADRIGALES, hoxe concepto diferente do da histórica orquestra coruñesa, ou en Compostela o grupo SPRINGFIELD, que toma o nome da mítica formación aínda que  a maioría dos seus compoñentes son novos no mundo verbeneiro).

Todas estas vellas formacións que foron escribindo a traxectoria das nosas festas populares gardan no seu baúl dos recordos historias de lareiras e palcos de cemento e unha forma de vivir a verbena distinta da actual.

E entre elas, a orquestra SUPER COMBO pode presumir de ser unha desas formacións que superou os 30 anos de vida, igual que outras como LOS SATÉLITES (71), TRÉBOL (61), NOVA PALMA (58), PARÍS DE NOIA (52) ou SUAVECITO ORQUESTA Y COROS (31). Pero a historia de SUPER COMBO remata aquí, porque a orquestra ourensá acaba de baixar o pano do escenario para sempre. Os seus músicos (12 en total) e demais integrantes terán que coller os seus bártulos e mirar de gañar a vida noutras formacións musicais. SUPER COMBO semella vítima destes tempos de crise nos que as datas de actuación van a menos e cada vez é máis complicado organizar unhas festas.

Estamos na era das pantallas leed, dos grandes equipos de son (o de SUPER COMBO superaba os 30.000 w), das tarimas que soben e baixan,  e da robótica (SUPER COMBO levaba 100.000 w de iluminación robotizada) e as orquestras que algún día coñeceron as historias de palcos de cemento van esmorecendo, nun tempo en que as novas formacións nacen coas rodas postas.

Coa desaparición da orquestra SUPER COMBO, Ourense queda sen unha das máis antigas de Galicia, aínda que seguirá acollendo formacións como LEDICIA ESPECTÁCULO ou TONY PÉREZ Y LOS ARQUINOS. Desta última perdemos o rastro en 2009; a súa web abandonada fai que temamos o peor… no caso de LOS ARQUINOS sería tamén a fin de 33 anos de historia.

RECTIFICACIÓN

12 DE ABRIL DE 2010

O pasado 9 de decembro publicábamos en Festa a Festa unha entrada titulada “Trinta anos de historia que se apagan” para dar conta da desaparición da orquestra SUPER COMBO. Felizmente temos que rectificar a información desa entrada: SUPER COMBO non se desfai, nin moito menos. A formación musical ourensá segue ofrecendo a súa música e esperamos que por moito tempo.

Desde Festa a Festa quero RECTIFICAR a información e PEDIR DESCULPAS PUBLICAMENTE á orquestra polo mal que se lle puidese causar por esta noticia.

Pero tamén quero ACLARAR que a noticia da suposta desaparición da orquestra non saíu de Festa a Festa nin se tratou de recoller un rumor. Neste blog non facemos caso de rumores nin disques. A noticia foi tomada do facebook dun dos integrantes da orquestra.

No mes de novembro Enrique Blanco Congil, compoñente da orquestra SUPER COMBO e membro da familia Congil, na que hai persoas vinculadas á dirección da orquestra, daba a noticia de que a formación musical cerraba as súas portas despois de 30 anos de existencia.

Desde Festa a Festa, considerando que a fonte era de máxima fiabilidade por vir de onde viña, optei por redactar unha entrada para facerlle unha pequena homenaxe a esa orquestra e outras que xa non están, sen a menor intención de ofender a ninguén, máis ben ao contrario, realzar o traballo dunha serie de músicos e profesionais.

Por petición dun membro da orquestra, aclaramos que se debeu a un malentendido e publicamos gustosamente a rectificación.

SUPER COMBO continúa a súa historia, e agardamos que polo menos outros trinta anos, ou máis…

6 comentarios

  1. Comentario excelente o que fai García Romero sobre a desaparición da orquestra ourensá SUPER COMBO.
    Mágoa, como el ben di, que se perdan estes grupos que tantas veces contribuíron a facernos pasar momentos inesquecibles; e, que por outra banda, nos pertencen aos galegos, xa que detrás dunha boa festa, sempre hai unha boa orquestra. E SUPER COMBO érao.
    Esperemos que non sigan este paso outras orquestras do noso país e que nestes tempos que corren de “raquitismo”, e ás veces, de poucas miras, nos decatemos de que non podemos permitirnos dixar escapar algo de noso.
    Noraboa, amigo, polo teu artigo.

  2. Moitas grazas Ángeles polo teu comentario en Festa a Festa. O teu case é un artigo en toda regra e que describe perfectamente o sentir galego reflectido nas orquestras. Un saúdo!!!!

  3. Parabéns Roxe! Que mágoa porque mira que me gustan a min as verbenas e todo acabará por perderse. Este país é incríbel!!! Ánimos a Super Combo!!!

  4. Excelente artigo sobre as grandes orquestas da Galiza que van desaparecendo aos poucos. Entre moitas que non souberon ou non poideron adaptarse aos tempos tamén temos moitas que son referenza en todo o estado levando o nome de Galiza moi alto: SATÉLITES, PARÍS, PANORAMA, OLYMPUS, a gran PHILADELPHIA, a gran GRAN PARADA… e tantas outras, o que non implica que deixemos de sentir mágoa cada vez que unha orquesta das grandes di adeus para sempre.
    Noraboa a roxegar polo blog tan bo que fai. Saúdos.

  5. Ha sido y sera una de las mejores orquestas de galicia. su cantante sin duda es una de las mejores voces de este pais, no hay una voz como ella siempre me acordare de su inolvidable voz que ha hecho bailar a tanta gente en estos 30 años.escucharlo era un placer para los oidos que pena que se apague….pero seguira brillando en nuestros corazones.por siempre super combo…

Deixa unha resposta


*