Aquelas festas

0
624

Noria panorámica Sánchez

A miña afección polas festas populares vén de hai varias décadas cando meus pais me levaban coas miñas irmás puntualmente cada mes de xullo ás celebracións do barrio (Os Mallos, A Coruña), daquela unhas das máis importantes da cidade.

Xa por aqueles tempos destacaban grandes formacións como LOS SATÉLITES, a SINTONÍA DE VIGO ou a PARÍS DE NOIA, e outras que hoxe non existen, causaban sensación entre o público como a PAO ou a QUEIMADA. Tamén lembro a grande orquestra GALÁCTICA (da que na actualidade un grupo musical de Ribeira conserva o seu nome) e, como non, a D’TACÓN causaba furor ao ser a única formación do momento composta exclusivamente por mulleres. Outras orquestras que xa escapan á miña memoria como a SINTONÍA DE LA CORUÑA, a RIAZOR ou LOS 6 DE GALICIA forman parte da historia colectiva do verbeneo popular.

E as atraccións de feira… aquilo era a parte máis esperada das festas, como para calquera rapaz da época. Os Mallos enchíanse de carruseis e demais aparellos para ledicia de todos os nenos do barrio e mesmo da cidade. Non había un carrusel de cadeas, había cinco! e non había unha caseta de tiro, instalábase unha fileira interminable; as lanchiñas reproducíanse coma no mar e as voadoras e mais o vaivén –popularmente coñecido como o “caixón”– non faltaban nin un ano ao noso barrio, presididos todos eles polos “caballitos”, unha roda clásica de cabaliños de madeira que aínda hoxe funciona de maneira permanente no Campo do Souto de Padrón, e pola todopoderosa Tómbola Carmiña. Eran tempos nos que atraccións como a Muller Araña, o Parque Zoolóxico (“Safary Park”), o Teatro de monicreques ou a Casa dos espellos estaban de plena moda, pero tamén vimos o nacemento de novos artiluxios como o Scalextric ou o Twister, e posteriormente a Bailarina, o Dragón, o “Saltamontes”, a Nube… que por seren novidades resultaban todo un éxito.

Hoxe eses enxeños mecánicos están a ser substituídos pouco a pouco por aparellos que fan subir a adrenalina ao instante e que conviven con clásicos como os coches de choque, o barco pirata ou as noras. Os tempos cambian e despois duns anos de certo declive, as novas atraccións de feira e, sobre todo, as grandes orquestras están a facer que as festas populares recuperen o seu público e continúen sendo lugar de lecer para pequenos e grandes.

E que o sexan por moito tempo!!!

Sen comentarios

Deixa unha resposta


*